"A carón da cultura" así se denomina o programa de actividades para a Semana Santa deseñado polo Concello de Cervo e destinado a todas as idades.

"A carón da cultura" así se denomina o programa de actividades para a Semana Santa deseñado polo Concello de Cervo e destinado a todas as idades.
 
O Concello de Cervo organiza diversas actividades para esta Semana Santa destinadas a público de tódalas idades dentro do programa denominado A Carón da Cultura.
 
A Concelleira de Cultura, Dolores García Caramés, salienta que “este programa consiste en achegar ao noso municipio diferentes eventos culturais. O Concello estará a carón da música, baile, teatro, lectura, comedia, escritura, debuxo e pintura, entre outras moitas actividades. A Carón da Cultura pretende apoiar e promover o propio do noso concello, atraer e achegar diferentes formas culturais e artísticas aos nosos veciños e de todas as idades”
 
Dolores García anunciou que “estas actividades comezarán este sábado, día 19, cunha actuación de baile a cargo do Taller Municipal de Danza de Arzúa. Son dous grupos formados por mozos e mozas maiores de 16 anos e o por nenos e nenas de menor idade. Farán tres coreografías: unha de hip hop e dúas de danza moderna. Esta actuación será no auditorio da Casa da Cultura, de San Ciprián, ás 19:30 horas. O luns 21, martes 22 e mércores 23 terá lugar a actividade Enredos de Semana Santa. Será na Casa do Mar, de San Ciprián, e as inscricións enviaranse aos colexios do concello. Os participantes dividirase en dous grupos, un para alumnos de Infantil e outro para os de Primaria. Farán pintura con xiz, deporte e cociña. Ademais o luns 21 haberá un Taller de Manga, no que se impartirán os pasos básicos e conceptos principais do estilo de BD xaponés como manga. Está dirixido a mozos e mozas a partir dos 9 anos. Será na Casa da Cultura, de San Ciprián, ás 16:30 horas. As inscricións faranse na OMIX, de Cervo; na Casa do Mar ou na Casa da Cultura, tamén ata o propio día. Estas follas para apuntarse enviaranse aos colexios e ao instituto do concello”. 
 
A edil engadiu que “o martes 22 haberá un taller do método de debuxo Zentangle, que é unha técnica sinxela que consiste en trazar patróns repetitivos que promoven a tranquilidade e a concentración. Combina a arte, a expresión creativa e a conexión interna. É unha técnica que non precisa ter coñecementos previos de debuxo. Os rapaces e rapazas farán a portada dun caderno. Esta actividade será na Casa da Cultura, de San Ciprián, ás 16:30 horas. As inscricións deberán facerse na OMIX, de Cervo; na Casa do Mar ou na Casa da Cultura ata o propio día. As follas para apuntarse enviaranse aos colexios e ao instituto do concello. O mércores 23 haberá o espectáculo de música e prosa poética Lo horrible y lo riquiño, mestura de cancións de Xabi Piñeiro e textos de Carmen Conde nunha velada na que a poética, o absurdo e o lirismo máis cítrico se dan cita con amor en acústico. Esta actuación terá lugar no auditorio da Casa da Cultura, de San Ciprián, ás 20:30 horas. O xoves 24 haberá unha actuación da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña coa obra de teatro O Cazo de Sabela. Neste acto farase entrega dos premios do certame Un orixinal por amor, no que participaron integrantes desta asociación. Terá lugar no salón de actos do Concello de Cervo ás 19:00 horas. O venres 25 haberá unha actuación do grupo de música Thelazybones, formado por integrantes do concello. Será no salón de actos da Casa do Mar, de San Ciprián, ás 24:00 horas”.
 
Dolores García rematou comentando que “o sábado 26 terá lugar un monólogo realizado por Federico Pérez, actor galego que realizou varios traballos na TVG e participou nas series Padre Casares, Air Galicia, O show dos Tonechos, Libro de familia e Mareas vivas. Foi tamén guionista nas series Terra de Miranda, Pequeno Hotel, O rei da comedia, As leis de Celavella, Máxima audiencia, Zapping Comando e O show dos Tonechos. Dende abril de 2011 dá vida á personaxe de Moncho na serie da TVG Era visto! Esta actuación terá lugar no auditorio da Casa da Cultura, de San Ciprián, ás 19:00 horas. A apertura de portas será ás 18:45 horas”.