As escolas deportivas municipais de Burela botarán a andar o 5 de outubro. O Concello oferta cinco displicinas: tres gratuítas e dúas de pago.

As escolas deportivas municipais de Burela botarán a andar o 5 de outubro. O Concello oferta cinco displicinas: tres gratuítas e dúas de pago.
 
O vindeiro 5 de outubro darán comezo as Escolas Deportivas Municipais, que organiza o Concello de Burela e que se prolongarán ata o 27 de maio. Serán cinco as disciplinas que se impartan: patinaxe lúdico, tenis de mesa, bádminton, patinaxe artístico e ballet. As fichas de inscrición entregaranse na Casa do Concello do 28 de setembro ao 1 de outubro en horario de 8 a 14 horas. Desde a Delegación de Deportes advirten que “todo aquel rapaz ou rapaza, que non teña formalizada e entregada a ficha de inscrición non poderá asistir a actividade ata realizar dito requisito”. Nas Escolas Deportivas Municipais poderán participar os nenos e nenas nados entre os anos 1999 e 2010. 
O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, sinala que “as actividades de patinaxe lúdico, bádminton e tenis de mesa serán totalmente gratuítas para os usuarios e serán impartidas polo técnico municipal de Deportes, Iván Cao Lucas”.
O edil socialista segue a relatar que “no caso do patinaxe artístico e do ballet van ser impartidas estas escolas por unha empresa, que foi a que gañou a licitación pública á que sacamos ese contrato, xa que na maneira en que se estaba impartindo e concedendo ese servizo por parte do anterior goberno non era a maneira máis axeitada. Non había un contrato público como debera ser, polo que se pode dicir que estaba nunha situación irregular da que xa fomos advertidos dende a Secretaría do Concello”. E engadiu que “o custe deste servizo que se nos marcou dende o departamento de Intervención Municipal foi de 12,71 euros ao mes, que é o prezo que van a ter que aboar os usuarios destas actividades”. 
Ramiro Fernández Rey subliñou que “a intención desta Concellería é a de traballar para conseguir que todos os nenos e nenas de Burela podan practicar deporte de maneira gratuíta nestas actividades, pero desgraciadamente a situación económica do Concello de Burela non é a máis propicia para que isto poida darse, xa que as maioría das partidas orzamentarias estaban esgotadas cando tomamos posesión dos nosos cargos. Dende a Concellería de Deportes seguiremos traballando en mellorar as actividades que se impartan dende o Concello e xa estamos a traballar de cara ao ano próximo para poder abrir a posibilidade a máis deportes e actividades con que os nenos e nenas de Burela podan practicar deporte”.
A adxudicación das prazas das Escolas Deportivas Municipais farase por rigorosa orde de inscrición, sempre que se cumpran os requisitos esixidos. O 2 de outubro farase pública a lista de admitidos. Será na Casa do Concello.