Burela daralle a benvida ao Nadal este sábado, 5 de decembro. Ese día quedará colocada na praza do Concello unha árbore deseñada por alumnnos do IES Perdouro.

Burela daralle a benvida ao Nadal este sábado, 5 de decembro. Ese día quedará colocada na praza do Concello unha árbore deseñada por alumnnos do IES Perdouro.
 
O alcalde, Alfredo Llano, mantivo unha reunión preparatoria do Nadal con membros da asociación Ledicia e da Asociación de Comerciantes de Burela. Ao acto asistiu tamén o primeiro tenente de alcalde, Ramiro Fernández Rey. O 5 de decembro na praza do Concello quedará instalada unha árbore iluminada e deseñada polos alumnos do IES Perdouro e abrirase entre o 30 decembro e o 7 de xaneiro unha carpa para recibir aos Reis Magos na praza da Mariña, segundo anunciou hoxe o rexedor. 
Llano dixo que “mantivemos unha conversa e todo o mundo pensou o mesmo, en beneficiar ao pobo de Burela, a través desta asociación (de Ledicia) e das asociacións culturais que tiveran interese en facer algo na época do Nadal. Tivemos a primeira conversa coa asociación Ledicia, que é a encargada de organizar a Cabalgata de Reis a noite do 5 ao 6 de xaneiro e, por tanto, fixeron unha serie de propostas e peticións que o Concello vai intentar cumprir ao 100%. Todas elas pensando na mellor organización, espectáculo e formula para ofrecer un atractivo para toda aquela xente que queira aproximarse a Burela ver a Cabalgata. Quedaron en enviar unha serie de datos para calcular economicamente en canto pode saír. Trataremos de colocar tamén unha carpa na praza da Mariña entre o 30 de decembro e o 7 de xaneiro, para recibir aos Reis Magos. Podemos mirar mesmo de ampliar esas datas, sempre e cando exista algunha outra actividade para facer eses días”.
O alcalde quixo agradecer “á xente que organiza a Cabalgata polo seu interese, realmente é unha cuestión vistosa. Penso que se as organizacións se implican en certos eventos, o Concello tamén ten que responder, esa é a nosa filosofía, ímoslles axudar o máximo posible para que sexa un éxito en todos os aspectos esta nova edición da Cabalgata de Reis”.
O rexedor de Burela explicou que “tamén estivemos falando coa Acia, con eles imos inaugurar a luz dunha árbore de Nadal que vai estar na praza do Concello, unha árbore que se configurou no IES Perdouro, nos departamentos de Metálica e de Electrónica, que fixeron unha labor extraordinaria. É unha árbore que vai estar perfectamente iluminada e indicada e vai ser un atractivo para acondicionar e fortalecer as festas de Nadal. Estará colocada para este sábado, 5 de decembro, e sobre as 19 horas intentaremos que sexa un acto simbólico de inicio de Nadal, a ver se conseguimos un grupo de música que acompañe o acendido e darlle un sentido práctico e un valor”.
Alfredo Llano tamén sinalou que as luces de Nadal do resto da vila de Burela se acenderán “algo máis tarde, sobre o 12 de decembro, e a partir de aí haberá un alumeado público para todo o mundo. Esperemos que este ano teña algunha novidade. Trataremos entre todos de buscar un aliciente e unha motivación para que a xente de Burela e de fóra gocen e compartan o Nadal este ano”. O alumeado de Nadal será custeado polo Concello este ano “despois cara a edicións posteriores teremos que estudar outras fórmulas”.