Comeza a cuarta edición do Mes da Maxia, que organiza a Mancomunidade de Municipios da Mariña. Do 30 de outubro ao 28 de novembro haberá menús máxicos e actuacións de magos en 20 restaurantes.

Comeza a cuarta edición do Mes da Maxia, que organiza a Mancomunidade de Municipios da Mariña. Do 30 de outubro ao 28 de novembro haberá menús máxicos e actuacións de magos en 20 restaurantes.
 
Este venres, 30 de outubro, da comezo a cuarta edición do Mes da Maxia, que organiza a Mancomunidade de Municipios da Mariña lucense en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, da Xunta. Son 20 os restaurantes participantes nesta iniciativa, que ano tras ano colleita máis éxitos e se consolida entre as propostas do outono na comarca. E tres son os magos: Teto, Rafa e Charly, que achegarán os seus trucos a aquelas persoas que acudan a gozar dos menús máxicos preparados polos locais que se suman ao Mes da Maxia. A cita prolongarase ata o 28 de novembro. 
Esta primeira fin de semana do Mes da Maxia os locais que acollerán esta proposta son Casa Fidalgo, de A Pontenova, Casa Damián, de Foz,  Casa Franco, de Alfoz, e o hotel Vila do Val, de Ferreira do Valadouro.
Os que decidan achegarse a Casa Fidalgo, en A Pontenova, este venres, 30 de outubro, poderán degustar pelegríns do demo (bolo preñado e vieiras en prebe branca), multibrazo cabezón con cunchas (polbo con ameixas), cordeiro ao toque de varita (cordeiro asado en forno de leña) e tarta ao as (tarta chantillí). O mago que amenizará a velada é Rafa.
Tamén o venres o menú máxico de Casa Damián, en Foz, está composto de escoba voadora (twister de langostino e saquiños de xamón ibérico), cazola feiticeira (crema de marisco con virutas de salmón), corazóns ou picas (rodaballo salvaxe ou entrecot de boi) e queimada doce (brazo de crema con chocolate quente). O mago Teto fará as delicias dos asistentes.
O sábado, 31 de outubro, en Casa Franco, de Alfoz, os asistentes ao Mes da Maxia degustarán bocadiños de trasno (croquetas caseiras e tostas de salmón), saquiños recheos (chipiróns encebolados), agasallo das fadas (lacón cocido) e meigallo da vella (pudding). O mago Charly será o encargado de sorprender aos comensais.
E no hotel Vila do Val, de Ferreira do Valadouro, o menú máxico estará composto por duelo máxico (bocadiños de grelos e minitosta de cecina con queixo de cabra), barabí (vieiras gratinadas), dragma (codillo ao forno con guarnición de vexetais e pataca panadeira) e epifanía de sabores (tarta de tres chocolates). Será o mago Rafa o que deleite aos que se acheguen a este local. 
O prezo dos menús máxicos mais actuación é de 25 euros por persoa e inclúe as bebidas: auga mineral, viño tinto ou branco, café ou infusión. As cenas darán comezo ás dez da noite. 
O calendario de actuacións pode consultarse na páxina web: www.mesdamaxia.com As reservas poden facerse directamente nos restaurantes participantes, como mínimo, con 24 horas de antelación. O Mes da Maxia conta co patrocinio de Pazo do Mar e de Distribuciones Carreiras.