En Barreiros o colectivo cultural Ollomao organiza a I Carreira Popular Ao Son do Masma. Será o 5 de novembro.

En Barreiros o colectivo cultural Ollomao organiza a I Carreira Popular Ao Son do Masma. Será o 5 de novembro.
 
O colectivo cultural Ollomao de Barreiros organiza o sábado 5 de novembro a I Carreira Popular Ao Son do Masma.
 
O pasado 9 de outubro tivo lugar unha limpeza simbólica arredor do río vinculada á limpeza simultánea de ríos organizada por ADEGA e de aí a celebración desta I Carreira Popular.
 
A realización de actividades deportivas foi unha novidade incorporada recentemente aos estatutos de Ollomao, que se estrea coa realización desta carreira como medio para dar a coñecer o entorno do río Masma ás persoas que gusten do deporte.
 
A I Carreira Popular Ao Son do Masma está pensada como unha ocasión para reunir en Celeiro de Mariñaos a persoas que desexen participar nunha proba deportiva tanto en categoría adulta como infantil, esta última de balde. Ademais establécese a categoría adaptada para dar a oportunidade de participar a persoas con algún tipo de discapacidade acreditada que opten por  non competir na categoría absoluta. Esta carreira busca ser tamén un espazo para a participación de persoas con diversas capacidades funcionais polo que se organizará o paseo pola integración Quen non corre, camiña para que sexa realizado por todas aquelas persoas que non queiran participar na carreira pero desexen pasear un par de quilómetros a carón do río.
 
Ademais Ollomao ten previsto actividades para entretemento das máis e os máis pequenos, que terán lugar a partir das 16:30 horas do sábado e que pecharán cunha merenda para todas as persoas presentes.