Este venres, 28 de agosto, remata o ciclo "Agosto Musical 2015" cun concerto da Banda Municipal de Música de Ribadeo dedicado ás bandas sonoras de películas.

Este venres, 28 de agosto, remata o ciclo "Agosto Musical 2015" cun concerto da Banda Municipal de Música de Ribadeo dedicado ás bandas sonoras de películas.
 
A Banda Municipal de Música de Ribadeo pon fin este venres, 28 de agosto, ás 22:30 horas no parque de San Francisco ao ciclo Agosto Musical 2015 organizado pola asociación ribadense Amadores da Música. A despedida do programa será a través de música cinematográfica, pois a Banda interpretará diversas bandas sonoras de películas, tanto clásicas como recentes, que ao mesmo tempo serán proxectadas nunha pantalla. O anterior concerto do ciclo tivo lugar na noite de onte, martes, na rúa San Francisco e correu a cargo da sección de vento metal da Banda, o quinteto Ribadeo Brass, a Cebolas Verdes Big Band e amigos, actuación que contou coa presenza de numeroso público. 
En canto ao acto programado para este venres “a Banda interpretará diferentes pezas de bandas sonoras de películas de hai anos e non de hai tantos e algunha tamén de animación. As bandas sonoras irán acompañadas de imaxes das películas”, explicou David Ballester, director da Banda Municipal de Música de Ribadeo, que invita a asistir a este peche do ciclo: “animo á xente a que acuda ao Parque San Francisco a gozar deste concerto. Esperamos que o tempo nos acompañe, pero en caso de que non, trasladaremos o concerto ao Cine Teatro”, explicou.