Ata o 19 de maio desenvólvese en O Valadouro a Semana das Letras Galegas con diversas actividades en homenaxe a María Victoria Moreno.

A Delegación de Cultura do Concello de O Valadouro celebra a Semana das Letras Galegas e a Diversidade Cultural na que programa para este xoves, 17 de maio, ás 12:30 horas na Casa da Cultura unha xornada sobre a Vida e Obra de María Victoria Moreno, autora homenaxeada este ano, con Lionel Rexes. Despois os grupos de cantareiras pequenas e medianas da Asociación Cultural Amado Lar ofrecerán Cantigas Populares Galegas, e haberá unha lectura de varios contos de María Victoria Moreno a cargo dos nenos e nenas da Asociación Cultural Amado Lar.

Tamén o día 17 terá lugar a representación teatral da obra Mar Adiante de María Victoria Moreno interpretada polo grupo Bandullo Azul. Será ás 20:00 horas e está dirixido ao público familiar.

O venres, día 18, ás 19:00 horas, no pavillón polideportivo municipal celebrarase unha exhibición de ximnasia rítmica do club E.X. Deportiva Porta Norte. Ás 21:00 horas na Casa da Cultura, proxectarase un filme de Fernando Cortizo, O Apóstolo.

O sábado 19 ás 21:00 horas na Casa da Cultura, presentarase un filme de Ignacio Villar, Pradolongo.