Ata o 30 de outubro pódense ver na Casa da Cultura de Burela dúas exposicións: unha do Club Imaxe e outra de Carmen Prado.

A Casa da Cultura de Burela acolle desde mañá, venres, dúas mostras. Trátase dunha exposición do Club Imaxe de Burela e outra da artista Carmen Prado. A inauguración será ás 19:00 horas.

O Club Imaxe de Burela cumpre o seu XXVI aniversario e expón un total de 40 fotos da Mariña. Esta mostra permanecerá aberta ata o 30 de outubro na Sala de Arte da primeira planta da Casa da Cultura de Burela.

E Carmen Prado presenta a súa obra na sala situada na planta baixa da Casa da Cultura. Pintora intuitiva e de profunda motivación, a forma e a composición son os sinais que a definen. Esta artista, despois de case vinte anos dedicada ao debuxo anatómico e científico en revistas e libros especializados, en 2013 realiza a primeira exposición pictórica. Dende entón xa ten obra en países como Inglaterra, Irlanda, Dinamarca, Francia, Portugal, Marrocos, e en gran parte da nosa xeografía.

Esta mostra tamén se poderá visitar ata finais de mes en Burela. O horario de visita será de 10 a 13 horas polas mañás e de 17 a 20 horas polas tardes.