Barreiros acollerá unha novidosa xornada de cultura urbana o 2 de setembro. Haberá parkour e música reggae e house.

O Concello de Barreiros organiza unha xornada para dar a coñecer a cultura urbana aberta á mocidade e a poboación en xeral.Esta cita, novidosa en Barreiros, terá lugar na Praza do Souto, en San Miguel de Reinante, o vindeiro venres día 2 de setembro. 

Ás 17 h. dará comezo o obradoiro de Parkour que contará con cubos de distintas alturas, traveseiros unindo os mesmos, pirámides, barras e diferentes obxectos para conformar un parque de Parkour totalmente estable,antiesvaramentos e con cantos redondeados para unha maior seguridade. A mocidade que desexe iniciarse nesta disciplina ou simplemente sinta curiosidade pola mesma, estará acompañada coa música do Dj Ze Pequeno, especialista nos ritmos máis globais mesturados coa electrónica. 

Xa ás 20 horas, ao rematar o taller de parkour, seguirá a festa con Mr. Fishman, Dj Lucense, con ampla traxectoria a nivel nacional e internacional e que realizará unha sesión freestyle de música negra. De seguido actuará Soulmacklein, compoñente do reputado grupo de rap Delahoja, que fará un directo do seu proxecto de música reggae acompañado pola súa banda.

O broche final a esta festa da cultura urbana correrá a cargo dun dos máximos expoñentes da música House en Galicia, Kiko Ron (promotor do festival de Foz Tentacle), que fará unha sesión 100% en vinilo.