Batuko Tabanka actúa no Conservatorio de Música de Viveiro o 15 de novembro. A actividade enmárcase no Outono Cultural de Pensamento e Sementeira.

O colectivo viveirés Pensamento e Sementeira continúa coa programación de actividades de Outono Cultural este xoves, 15 de novembro, cunha actuación de Batuko Tabanka.

O grupo de mulleres caboverdianas Batuko Tabanka actuará este xoves ás 20:30 horas no salón de actos do Conservatorio Profesional de Música. A entrada a este concerto é libre ata completar o aforo do local.

O ritmo das “batukadeiras” ten un pasado ligado á música que facían os escravos en Cabo Verde, antes batendo no peito e agora batendo nunha saca de coiro colocada entre as pernas, que recibe o nome de “batuko”.