Burela estará presente en Xantar, en Ourense, do 31 de xaneiro ao 4 de febreiro. O Concello promocionará os produtos do mar, o barco museo, as praias e as rutas xeolóxicas.

Burela participará en Xantar 2018, a Feira Internacional de Turismo Gastronómico que se celebra en Ourense do 31 de xaneiro ao 4 de febreiro. O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, subliñou que Burela estará presente cun stand no que se promocionarán tanto o bonito e outros produtos da pesca como o Barco Museo, as praias e as rutas xeolóxicas.

O edil burelés dixo que “desde a Delegación de Turismo do Concello de Burela queremos anunciar que imos ter presenza un ano máis na feira gastronómica Xantar. Seguimos apostando por este tipo de feiras que entendemos que son positivas para a promoción tanto dos nosos produtos pesqueiros como da nosa imaxe de pobo”.

O concelleiro de Turismo explicou que “imos ter presenza alí cun stand onde imos contar coa colaboración neste caso de Conservas Ares, que nos vai proporcionar a degustación de bonito que imos dar na feira. O evento empeza o día 31 e esperamos tamén poder facer unha visita institucional á feira nestes días”.

Ramiro Fernández sinalou que “queremos seguir promocionando Burela como destino turístico e aproveitar tamén para poñer en valor os nosos produtos do mar, neste caso o bonito de Burela. Levaremos tamén todos os folletos turísticos que temos elaborados no Concello cos novos rueiros, o do Barco Museo e das rutas xeolóxicas para ensinar alí e entregar esa información a todos os que queiran visitar o noso stand, e para que teñan unha información clara do que poden ver en Burela”.