Cada asociado de Acisa Ribadeo que consiga unha nova alta recibirá o importe de dúas cotas en vales de compra para gastar nos locais integrados no colectivo.

Acisa inicia unha campaña de captación de socios na que implica a todos os asociados e asociadas. Desde a directiva sinalan que “co fin de que a asociación medre, desde Acisa consideramos a importancia que os actuais socios teñen para poder captar a novos asociados, de aí que ideásemos unha campaña na que eles son o principal eixe”.

A campaña consiste en implicar de forma directa aos 150 asociados actuais para que novos establecementos se poidan unir a Acisa Ribadeo. Cada asociado actual que axude á asociación a facer novos socios recibirá por cada nova alta o importe de dúas cotas en vales de Acisa para gastar nos establecementos que forman parte deste colectivo. 

Acisa considera que “a parte da labor realizada pola xunta directiva e a xerencia é moi importante aproveitar o potencial do trato persoal que os nosos asociados como veciños de rúa, como hostaleiros, coma comerciantes, como amigos teñen para poder facer novas altas na asociación e poder ser moitos máis. Pensamos que son eles os que mellor coñecen Acisa, as súas campañas, os seus eventos, as súas vantaxes e os que mellor llo poden explicar a outros comerciantes ou hostaleiros”.

O obxectivo é que os actuais asociados “lles conten aos novos empresarios que abren negocios en Ribadeo os servizos que presta Acisa, os beneficios que supón estar asociado, a participación en campañas, en eventos, a recepción de material de xeito totalmente gratuíto”.

Desde a directiva de Acisa subliñan algunhas novidades que levarán a cabo ao longo deste 2017: “en semana santa e no verán repartiremos entre os hoteis, na praia das Catedrais e na oficina de turismo un mapa a modo de guía onde figurarán os establecementos asociados, para que os visitantes que veñan a Ribadeo poidan ver claramente onde comprar, comer, durmir, etc… Ademais de inmediato instalaremos un Mupi dixital, onde se verán os logos dos asociados, se anunciarán eventos e onde os asociados se poderán promocionar”.

Na actualidade Acisa conta con 150 socios “e o noso obxectivo é seguir crecendo todo o que poidamos. Encantaríanos chegar aos 200. Seguimos convencidos de que a unión fai a forza e que cantos máis sexamos mais cousas poderemos conseguir e facer. Animamos a toda a familia de Acisa Ribadeo a implicarse nesta campaña coa que estamos moi ilusionados”.