A catedrática de Historia da Arte Celia Castro Fernández será a pregoeira das festas patronais de Ribadeo na honra de Santa María do Campo.

A ribadense Celia Castro Fernández, que é catedrática de Historia da Arte na Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón, de Lugo, será a pregoeira das festas patronais de Ribadeo na honra de Santa María do Campo. O acto celebrarase o día 2 de setembro, sábado, ás oito e media da tarde no Cine Teatro ribadense e incluirá unha actuación da Coral Polifónica de Ribadeo. Anunciouno hoxe, luns, a comisión organizadora das festas patronais ribadenses deste ano.

Celia Castro está realizando actualmente a tese doutoral sobre pintura e fotografía no século XIX. É membro fundadora da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Lugo e da Asociación de Amigos do Camiño Norte. Tamén pertence á Sociedad Cultural Benito Prieto Coussent, que recopila e estuda as obras deste artista ribadense. Participou na reestruturación e montaxe do Museo Provincial de Lugo e dos de Lourenzá e Cervo. É autora do libro Estudio Iconográfico y estilístico de los capiteles de la Catedral de Mondoñedo e de artigos en diferentes publicacións. Ademais ofreceu varias conferencias  e participou en numerosas mesas redondas.