Cervo acollerá o 4 de agosto a V Baixada do Faro en Longskate. O colofón á xornada poñerao o concerto de Miss Lane and The Kryptonias.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Deportes, José Ramón Soto, as concelleiras de Cultura e Turismo, e unha representación do Club Limosa Surf, presentaron a V Baixada do Faro en Longskate, que terá lugar este sábado, 4 de agosto, desde as 10:00 horas, organizada por este Club, en colaboración do Concello.

Tal e como explicaron desde a organización “trátase dunha proba de longskate cronometrada desde o Faro Punta da Atalaia, en cuxo percorrido inclúense tres curvas, a do Corbeiro, a da Gardería e a da Morte, que bautizaron así por ser a máis pronunciada da baixada”.

Entre as 10:00 e as 11:30 horas terán lugar os adestramentos. Entre as 12:00 e as 14:00 horas serán as probas clasificatorias. Entre as 14:00 e as 16:00 horas as persoas participantes poderán desfrutar dun intre de relax para poder visitar toda a zona. 
Ás 16:00 horas retomaranse as probas clasificatorias, ata as 18:00 horas. A continuación, entre as 18:00 e as 19:00 horas serán as probas finais; coa entrega de premios a continuación. Haberá distincións para os tres mellores tempos; e un premio sorpresa.

Como colofón da proba, ás 20:00 horas, está previsto o concerto do grupo mariñán Miss Lane And The Kryptonias.

Para participar na proba non hai límite de idade, e as persoas interesadas poden facelo ata ese mesmo día a través do teléfono 653.48.94.07.

Villares apuntou que desde o Concello “apoiamos todo tipo de iniciativas que, como esta, contribúen a dar dinamismo ao noso pobo, ao tempo que achegan á veciñanza e aos visitantes unha disciplina moi vistosa, diferente, que ten tradición xa neste municipio”.

O rexedor quixo felicitar tamén aos membros do Club Limosa Surf por “decirdirse a retomar a celebración deste evento con tanto éxito en edicións anteriores”.
Nesta V Baixada colaboran ademais co Club Limosa diferentes tendas e empresas locais e Escolas de Surf da zona.