Cervo celebrará as festas na honra da Nosa Señora, San Roque e o Carme do 14 ao 20 de agosto.

O Concello de Cervo celebrará as Festas na Honra da Nosa Señora, San Roque e o Carme, do 14 ao 20 de agosto, cando terá lugar a Queimada Popular, festa declarada de Interese Turístico Galego.

A cita foi presentada polo rexedor, Alfonso Villares, pola tenente alcalde Dolores García Caramés, pola edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, e por unha representación da asociación Airiños do Xunco, da Comunidade de Montes A Bidueira, da S.D. Cervo Sargadelos e da A.C. Rego Cachón que organizan a Festa.

Os festexos arrincarán o domingo 14 de agosto coa popular Festa do Ovo Frito que contará coa actuación da Mekanica Rolling Band e con DJ Chente.

Xa o luns 15 de agosto, ás 13:00 horas está prevista a misa solemne cantada polo Coro de Cervo, seguida de procesión. A continuación haberá sesión vermú a cargo da Orquestra Galaxia que repetirá na verbena á noitiña co Dúo Zafiro.

O martes, 16 de agosto, a misa solemne será ás 12:30 horas, e tamén estará cantada polo Coro de Cervo, seguida de procesión. De seguido haberá sesión vermú prolongada da man do grupo Alma Latina.

Xa o sábado 20 de agosto, terá lugar a XLIV Queimada Popular de Cervo que contará con Mercado Tradicional xa desde pola mañá.

O Concello anima a veciños e visitantes a gozar destas Festas que volverán reunir a veciños, amigos e familia nunha contorna única como é o núcleo de Cervo.