Do 1 de xullo ao 23 de agosto desenvolverase unha nova edición das escolas deportivas de verán do Concello de Burela.

A Concellería de Deportes organiza, un ano máis, as escolas deportivas de verán que darán comezo o 1 de xullo e rematarán o 23 de agosto. As persoas interesadas poden inscribirse do 24 ao 26 de xuño nas distintas actividades que van desde multideportes e xogos tradicionais ata patinaxe, pasando por xogos na praia e rutas en bicicleta. Poderán participar os nen@s nad@s entre os anos 2013 e 2007. No grupo de nen@s de 5 a 7 anos haberá 15 prazas, e os grupos de 8 e 9 anos e maiores de 10 anos contarán con 20 prazas cada un. A adxudicación de prazas farase por rigorosa orde de inscrición e o prezo é de 8 euros ao mes por actividade.

O concelleiro de Deportes en Burela, Ramiro Fernández Rey, explicou que “empezamos a repartir a nota informativa e a ficha de inscrición para as escolas deportivas do verán. Imos ter, como todos estes anos, multideportes e xogos tradicionais que se van facer os luns, os martes imos facer xogos na praia, os mércores imos ter rutas en bicicleta, os xoves imos facer patinaxe, e os venres imos repetir as rutas en bicicleta porque tal e como foi a actividade en inverno vemos que ten moi boa acollida e decidimos facelo dous días”.

Ramiro Fernández engadiu que “o prezo das actividades vai ser de 8 euros mensuais por cada unha delas. Hai unha documentación a presentar porque así nolo requiren os servizos técnicos de intervención, que é unha novidade, e nos están obrigando a pedir unha ficha de inscrición, a fotocopia do DNI do pai ou da nai, a fotocopia do libro de familia e o xustificante de pago da cota”.

O edil burelés dixo que “o 27 de xuño farase pública a lista de admitidos. Pódese entregar a documentación os días 24, 25 e 26 de xuño, para o día 1 de xullo empezar a facer as actividades ata o 23 de agosto, que será o día que rematen”.

Fernández Rey manifestou que “son actividades que teñen moi boa acollida, que seguimos apostando por elas. Esperemos que este ano tamén teñan boi acollida e queremos animar á xente a participar. Penso que son unhas actividades que resultan chamativas, que á xente lles están gustando e seguimos apostando por elas á espera de que acaba este tempada e empecemos outra vez coas de inverno”.