Do 14 ao 16 de agosto a campaña da FCAM #DegustaAMariña renderá homenaxe á tenreira galega.

Do 14 ao 16 de agosto campaña da FCAM #DegustaAMariña renderá homenaxe á tenreira galega. 

O presidente da FCAM, José Carlos Paleo, lembrou que “o que estamos a facer desde o 24 de xullo é lembrar e homenaxear ás festas gastronómicas da comarca que este verán foron canceladas. Xa degustamos pescada, bonito e marisco e esta fin de semana será tempo de saborear a exquisita tenreira galega desta comarca. É a nosa particular homenaxe ás explotacións de gando da Mariña e ás festas de exaltación deste produto que neste 2020 foron canceladas tras a pandemia do covid-19”. 

Paleo subliñou que “o que pretendemos ademais é fomentar o consumo dos produtos de tempada desta zona que os establecementos hostaleiros da Mariña teñen nas súas cartas e que son un reclamo para os turistas que nos visitan no verán e tamén para as veciñas e os veciños desta terra”.

Desde a FCAM animan a disfrutar desta cita gastronómica e “a que deixemos constancia das boas mesas que compartiremos estes días a través das fotos que podemos colgar en Instagram empregando o hastag #DegustaAMariña cunha pequena descrición sobre a súa experiencia”. Os locais hostaleiros da comarca tamén están a colgar nas redes as súas elaboracións para que os seus seguidores e seguidoras nas redes sociais estean ao tanto das súas propostas. 

A campaña #DegustaAMariña prolongarase ata finais de agosto. Colaboran coa FCAM: a Mancomunidade de Concellos da Mariña, a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo.