Do 17 ao 30 de xullo celebrarase en Burela o III Torneo de Tenis Memorial José Luis Yebra. A inscrición está aberta ata o 14.

Do 17 ao 30 de xullo terá lugar o III Torneo de Tenis Concello de Burela Memorial José Luis Yebra, que foi presentado esta mañá. O evento está organizado polo Club de Tenis-Pádel A Marosa e conta coa colaboración de Concello burelés. 

O torneo disputarase nas modalidades individual masculino e feminino e dobres masculino. A inscrición estará aberta ata o vindeiro día 14. As persoas interesadas en participar poden anotarse en clubdetenispadelamarosa@outlook.com ou nos seguintes números de teléfono: 630 744 347 e 687 433 380. A cota en individual masculino será de 5 euros para os socios e de 10 euros para os non socios; en individual feminino 3 euros para socias e non socias; e en dobres masculino a cota será de 5 euros/parella socios e 10 euros/parella non socios. 

No acto de presentación, celebrado esta mañá no salón de plenos do Concello, participaron o alcalde, Alfredo Llano, e o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, quen sinalou que “Yebra era un amante do tenis, un deporte co que se involucrou moito, de aí que un ano máis lle queiramos render todos esta homenaxe. E desexámoslles aos organizadores que sexa un éxito”. Na rolda de prensa estiveron tamén Fernando e Juan Valle, membros da directiva do Club de Tenis. 

O edil de Deportes engadiu que “o Concello colabora coa celebración deste evento deportivo, coa doazón dos trofeos que recibirán @s gañadores/as. Sempre tentamos estar a carón dos clubs de Burela que organizan torneos e actividades, que ademais de promover a práctica deportiva tamén supoñen unha promoción para o nome de Burela”.