Do 18 ao 20 de xuño estará aberta a inscrición para participar na Ocioteca de verán do Concello de Burela. Ofértanse en total 50 prazas.

A Concellería de Medio Ambiente organiza un ano máis actividades para axudar a conciliar a vida laboral e familiar durante o verán. Noelia Mª Ben presentou unha nova edición da Ocioteca, verán activo con Gaia. 

A edil de Medio Ambiente contou que “a Ocioteca funcionará durante os meses de xullo e agosto dende as 9:00 ata as 13:30 horas de luns a venres, agás os festivos. Poderán participar nestas actividades un total de 50  nenos empadroados no noso concello que naceran entre o ano 2006 e o 2015. Terán prioridade se ambos proxenitores están activos laboralmente ou tamén os fillos de mulleres vítimas de violencia de xénero”. 

Haberá dous grupos. Un para nen@s de 3 a 7 anos, que contará con 25 prazas e outro para rapaces de 8 a 12 anos, que disporá doutras 25 prazas. 

Noelia Mª Ben engadiu que “as actividades levaranse a cabo en diferentes dependencias do CEIP Virxe do Carme. A inscrición realizarase do 18 ao 20 de xuño dende as 8:00 ata as 14:00 horas. A lista de admitidos farase pública o 25 de xuño”.

As actividades da Ocioteca do Concello burelés darán comezo o 2 de xullo e rematarán o 31 de agosto.