Este sábado, 22 de maio, celébrase en Ribadeo o 3º Torneo Inter Escolas de Ximnasia Rítmica na súa fase norte. Participan 120 rapazas.

Ribadeo acollerá mañá, sábado, o 3º Torneo Inter Escolas de Ximnasia Rítmica na súa fase norte. No campionato daranse cita unhas 120 ximnastas de 6 clubs da provincia de Lugo e da Coruña. O evento, organizado polo Club Marusia coa colaboración do Club Porta Norte de Ribadeo, dará comezo ás nove e media da mañá e terá lugar no pavillón municipal.

A responsable do Club Porta Norte, Nelly Bouso, explicou que “é unha parte do torneo Inter Escolas, que se realiza entre todos os clubs de Lugo. Compiten as nenas do nivel máis baixo de competición das escolas, as nenas que se inician neste deporte. O que celebramos nesta ocasión é a fase norte, compiten as ximnastas da provincia de Lugo e da Coruña. Aproximadamente van participar unhas 120 ximnastas. Están divididas en tres quendas de competición para non superar os aforos e cumprir así o protocolo covid. En cada quenda aproximadamente compiten unhas 40 ximnastas. Na primeira competirán as que participan na modalidade individual e nas dúas seguintes as ximnastas dos conxuntos. En total somos seis clubs da provincia da Coruña e Lugo, que somos os super vivintes que quedamos despois da pandemia”.

Nelly Bouso contou que “a primeira quenda de competición comezará ás nove e media da mañá, empezarán a chegar as ximnastas a partir das nove menos cuarto. Hai acceso de público, pero restrinxido. Soamente poden entrar aqueles familiares directos das ximnastas que se rexistraron con anterioridade, que nos facilitaron os seus nomes e DNI, e que están apuntados para poder asistir. Son un máximo de dúas persoas por ximnasta. A segunda quenda empezará sobre as doce da mañá e a última sobre as dúas da tarde. Contamos que todo estea rematado sobre as tres”.

O concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, subliñou que “para Ribadeo supón unha oferta máis este fin de semana, cun evento dun deporte minoritario como a ximnasia rítmica. Destacar que é de carácter autonómico. Queremos darlle as grazas ao Club Porta Norte e a súa directora, Nelly Bouso, por apostar de novo para traer para Ribadeo este campionato. Hai que facer fincapé en que vai dar un impulso á hostalería, dentro das diferentes variantes que ten ese sector. É unha pinga máis de axuda a través das competicións deportivas para poder paseniñamente recuperar o antes posible, sen deixar de lado este protocolo sanitario impecable que se vai levar a cabo nesta competición. Desde o Concello queremos dicir que é outra aposta máis pola calidade deportiva, para este tipo de eventos que conxugan unha labor moi importante no tecido económico do concello de Ribadeo”.