Este verán arrinca en Burela a Ruta do Peixe, que organizan as Concellerías de Turismo e Medio Ambiente para potenciar o mar e os seus produtos.

O Concello pon en marcha este verán a Ruta do Peixe, que foi presentada esta mañá polos edís de Turismo e Medio Ambiente, Ramiro Fernández Rey e Noelia Mª Ben, e por Pedro Rolle, de O Freixo dos Lobos, que será o guía desta nova iniciativa. 

Segundo explicaron “trátase dunha visita guiada a unha peixería e á lonxa do porto de Burela”. Esta nova ruta terá lugar os días 5 e 19 de xullo e o 2 e o 16 de agosto en horario de 17 a 21:30 horas, con saída desde a Oficina de Turismo. Fernández Rey dixo que “será necesario inscribirse a través da páxina de Turismo do Concello de Burela ou da aplicación creada para este fin”.

Os concelleiros de Medio Ambiente e Turismo subliñaron que “o que queremos é seguir impulsando a celebración de diversas actividades en Burela durante todo o verán para que veciñ@s e visitantes se acheguen ás nosas tradicións, á nosa cultura, ao noso mar, ao noso patrimonio… Queremos potenciar os produtos do noso mar e potenciar Burela, que en sí mesma é mar. O obxectivo e que todos os días haxa actividades das que gozar na nosa vila”. 

Noelia Mª Ben engadiu que “esta será unha opción máis para dar a coñecer Burela, a través da pesca e do seu porto”. 

A Ruta do Peixe enmárcase dentro do programa Entre cantís, do Galp. Tamén este verán volverán as Rutas Xeolóxicas do Concello de Burela.