Mondoñedo acollerá o 17 de outubro a Festa dos Maiores, que coincide coas San Lucas. A inscrición está aberta.

O Goberno local do Concello de Mondoñedo ultima xa a celebración da Festa dos Maiores que se vai levar a cabo na localidade o vindeiro mércores 17 de outubro, coincidindo coas San Lucas.

Ás 14:00 horas dará comezo a comida-baile no pavillón municipal de deportes. Está previsto que sexa unha xornada de confraternización na que non van faltar a gastronomía típica, o baile, a festa e os agasallos para todos os participantes. O xantar estará amenizado pola Orquestra Mindoniense Principal.

A rexedora, a popular Elena Candia, convida a participar nesta cita que supón, unha edición máis, “un día de festa e de ledicia paraos veciños e veciñas”.

Inscricións
As persoas empadroadas no Concello de Mondoñedo maiores de 65 anos e os pensionistas de calquera idade, xunto coas súas parellas, terán que facer un pago simbólico de 3 euros. O prezo da entrada para as persoas empadroadas no Concello menores de 65 anos e persoas empadroadas noutros concellos será de 15 euros.

A inscrición pode facerse nas dependencias municipais, no Departamento de Servizos Sociais-Baixos do Concello, ata o xoves día 11 de outubro.