Mondoñedo celebra do 11 ao 13 de agosto a XXVI edición do Mercado Medieval, cunha ampla programación de actividades.

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, presidiu hoxe o acto de presentación do cartel do Mercado Medieval que os días 11, 12 e 13 de agosto celebra a súa XXXVI edición. Á presentación asistiu parte do equipo de goberno, varias das asociacións implicadas no evento, así como amigos e amigas do mercado medieval que ano tras ano colaboran e traballan de xeito desinteresado na súa organización.

A alcaldesa subliñou a importancia dunha programación ampliada na que se incorpora unha actuación o venres ás oito e a clausura o domingo á noitiña.

A rexedora aproveitou a súa intervención para agradecer o traballo de todas as asociacións implicadas no Mercado Medieval; entre as que se atopan os Amigos do Mercado, á ACIAM e á Asociación Cultural O Pasatempo. “Entre todos conseguimos unha volta ao medievo rúa a rúa que cada vez atrapa a máis visitantes”, engadiu.

Moitos dos participantes son artesáns que xa coñecen a feira de anteriores edicións repetindo experiencia máis de cen postos, segundo as súas propias palabras, por ser un mercado "acolledor, organizado polo propio Concello e voluntarios e celebrado nun contexto único", unha cidade declarada conxunto histórico artístico que se presenta como marco inmellorable da festa.

Unha ampla programación
Elena Candia fixo fincapé na ampla variedade de actividades que inclúe a programación do mercado “o que cada ano o fai máis atractivo para todos os que se achegan a Mondoñedo”. Entre elas, as actuacións na Praza da Catedral, un showcooking de receitas medievais ou representacións teatrais a cargo da Asociación Cultural O  Pasatempo, actividades coas que arranca o Mercado Medieval.

Gran torneo medieval
A apertura do mercado farase o sábado ás once da mañá. De seguido, levarase a cabo o pregón e darán comezo as exhibicións, como a de cetrería, de tiro con arco no campamento medieval ou esgrima. De novo haberá animación de rúa ao longo de toda a fin de semana con cabaleiros medievais especialistas en hípica celta, malabaristas, personaxes fantásticos ou espectáculos de lume.

Desde o Goberno local buscouse unha programación completa e diversa na que a ambientación da cidade é unha peza clave, así como todas as actividades de rúa, tanto as musicais como as relacionadas co época concreta. Entre os actos máis destacados, Candia citou o gran torneo medieval, que terá lugar o sábado e o domingo ás oito no seminario e contará con especialistas en hípica celta e música ao vivo.

Os nenos, tamén protagonistas 
Ademais de manter aberto o campamento o sábado e o domingo, o Goberno local incorpora o recuncho infantil con actividades pensadas especificamente para todos os nenos e nenas no Parque do Seminario.

O colofón ao mercado chegará o domingo ás 23:00 horas coa actuación de Queiman e Pousa e a iluminación da Catedral.