Mondoñedo celebra o Día de los Pueblos más Bonitos de España coa posta en marcha de audioguías ficcionadas.

Mondoñedo celebra o Día de los Pueblos Máis Bonitos de España, que ten lugar mañá luns, día 1 de outubro, coa posta en marcha de audioguíasficcionadas. Así o adianta a alcaldesa da localidade, Elena Candia, quen explica que a entidade local vén de adquirir 30 MP4 e 30 cascos illantes para garantir a calidade do sistema e así escoitar as historias e os sons con total nitidez e sentirse totalmente inmerso na experiencia. O importe destes equipos foi duns 1.700 euros.

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense encargou á Compañía Teatral Chévere o deseño e elaboración destes aparatos para as tres vilas porta de acceso á Mariña Lucense: Viveiro, Ribadeo e Mondoñedo.Trátase de dispositivos que desenvolven historias personalizadas e adaptadas a cada destino, realizadas tras un coidadoso proceso de documentación para identificar sucesos, personaxes e lugares que permitan transmitir a idiosincrasia de cada vila. Deste xeito, as audioguías poderán escoitarse dende mañá grazas aos sistemas adquiridos polo Concello, que é quen pon en funcionamento este servizo.

Deste xeito, a alcaldesa remarca que se trata dunha iniciativa, “cuxa entrada en funcionamento quixemos facer coincidir co Día de los Pueblos Más Bonitos de España, eque celebramos mañá, xunto aos outros 67 municipios de todo o estado que estamos nesta rede, porque estamos convencidos que dá un valor engadido á oferta turística que xa ofrece a nosa cidade. É, sen lugar a dúbidas, unha boa alternativa para que os visitantes e os veciños poidan coñecer e sentir Mondoñedo doutra forma, converténdonos nun destino cultural e innovador”, destaca.

É precisamente por esta característica que a rexedora lembra ás persoas usuarias que teñan especial coidado co tránsito rodado da vila xa que o son queda completamente adicado á audioguía. 

“Somos un pobo máis bonito pero ademais con contido; un contido emocionante para vivir unha experiencia cultural única”, conclúe a titular municipal.

Roteiro de Mondoñedo
O roteiro por esta vila está baseado na figura do escritor Álvaro Cunqueiro, utilizando espazos urbanos vencellados coa súa vida e obra como fío condutor. Abórdase dende un formato que mestura o documental, o testemuñal e o novelado (“entre ficción e realidade como lle gustaba a Cunqueiro”) no que participan voces dos veciños e veciñas mindonienses.Concretamente, estas interpretacións corresponden a Alicia Puchades, familiar de Álvaro Cunqueiro; Remedios Ledo, a filla do Pallarego; José María Palacios, xornalista; ÁngelRedruello, veciño da vila namorado da obra de Cunqueiro; e Fernando López González, que traballou toda a vida na imprenta Sucesores de Mancebo. 

O punto de partida é a Oficina de Turismo e remata no Cemiterio Vello, sendo o percorrido o seguinte: 1. Oficina de Turismo; 2. Estatua de Cunqueiro; 3. Rúa Pascual Veiga; 4. Praza do Seminario; 5. Rúa da Fonte e Fonte Vella; 6. Praza da Catedral; 7. Rúa LenceSantar; 8. Rúa Pacheco; 9. Rúa Concepción; 10. Praza do Concello; 11. Igrexa Nova; 12. Rúa Lodeiro Piñeiroa; 13. Rúa Julia Pardo, ata o 14. Cemiterio Vello.

Duración, prezos e distribución
A duración estimada é de 45 minutos e os prezos do alugueiro dos equipos son os seguintes:
-          Prezo ao público xeral: 2€
-          Prezo para colexios en xeral: 1 €
-          Prezo para habitantes de Mondoñedo: GRATIS ata 28/09/2019
-          Capacidade máxima: 30 unidades
-          Descarga gratuíta do audio dende unha ligazón da web do Concello

A distribución do material (auriculares e MP4), realizarase a través da Oficina Municipal de Turismo. As reservas poden efectuarse a través da mesma, chamando ao 982 50 71 77 ou por correo electrónico: mondonedoturismo@yahoo.es.A duración do préstamo será de máximo unha hora e media, contadas desde a sinatura do formulario.