Mondoñedo oferta Infantipark do 26 ao 30 de decembro con ata dez tipos de atraccións inchables infantís, no pavillón municipal.

Mondoñedo ofrecerá aos nenos durante este Nadal varias xornadas de actividades con ata dez tipos de colchonetasdiferentesno pavillón municipal.

O Infantipark estará dispoñible dende o martes 26 pola tarde ata o 30 de decembro en horario de mañá de 11:00 a 14:00 horas, por un prezo de catro euros; e de tarde de 16:30 a 20:30 horas  por un custo de cinco euros. 

O edil de Educación, Alberto García, explica que o Infantipark dispón de monitores que se encargan do coidado dos nenos mentres os pais poden permanecer nas gradas do pavillón municipal ou incluso aproveitar os descontos que ofrece a Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Mondoñedo en establecementos asociados.

O Goberno municipal engade que os pais que presenten o resgardo de adquirir a entrada do Infantipark terán ata un 10% de desconto en ata trinta establecementos locais. No resgardo figurarán o nome dos negocios que se adhiren a esta iniciativa e que abarcan distintos sectores dende hostalería, supermercados ou outro tipo de tendas.

Por último, Alberto García pon en valor a oferta deste tipo de iniciativas para os nenos, neste caso maiores de tres anos, para que poidan desfrutar de actividades diferentes durante estas datas de Nadal.