O 11 de agosto terá lugar en Cervo o V Torneo Maruxaina no que se presentará o primeiro equipo do CD San Ciprián.

O Concello de Cervo acollerá o vindeiro xoves, 11 de agosto, o V Torneo Maruxaina no que se presentará o primeiro equipo do Club Deportivo San Ciprián, que vén de ascender de categoría.
 
A cita foi presentada no Campo de fútbol da Veiga, polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a tenente alcalde, Dolores García Caramés, o edil de Deportes, David Rodríguez, e o directivo do Club Deportivo San Ciprián, Borja Rego.
 
O torneo, organizado polo Club Deportivo San Ciprián, coa colaboración do Concello de Cervo, enfrontará ao C.D. San Ciprián, á S.D. Burela e ao C.D. Castro, todos eles militarán na Primeira Autonómica a próxima tempada.
 
A competición comezará ás 19:00 horas, co enfrontamento entre o C.D. San Ciprián e a S.D. Burela. Ás 20:00 horas será o choque entre o club anfitrión e o C.D. Castro; e xa ás 21:00 horas está previsto o partido entre este último e a S.D. Burela.
 
Villares sinalou que “este evento deportivo xa consolidado  é un complemento perfecto para a Festa da Maruxaina que ten lugar esa fin de semana, podemos dicir que o deporte marca, neste caso, o punto de partida desta celebración tan senlleira en San Ciprián”.
 
Desde o Concello tamén quixeron desexar moita sorte e moitos éxitos ao Club Deportivo San Ciprián nesta nova tempada na que regresan a unha categoría que coñecen ben e que recuperan logo do descenso sufrido no 2019; tras callar unha fase de ascenso practicamente perfecta.