O 12 de marzo terá lugar en Alfoz a terceira ofrenda floral en homenaxe ás mulleres. Será no Castelo de Castro de Ouro.

Por terceiro ano consecutivo Veciños Independentes de Alfoz convoca unha ofrenda floral que se levará a cabo o vindeiro domingo, 12 de marzo, ás 12:30 horas nas inmediacións do Castelo de Castro de Ouro. No acto, Carmen Geada, representante de VIA no goberno municipal e Concelleira de Igualdade e Benestar en Alfoz, dirixirá unhas palabras coa intención de facer unha homenaxe a todas as mulleres en xeral e, sobre todo, a todas as mulleres de Alfoz, a aquelas que nos deixaron e que tanto traballaron por este concello, e ás que seguen a loitar polo futuro do seu pobo onde queren seguir vivindo. Para finalizar a homenaxe depositaranse doce caraveis brancos no cruceiro do Castelo de Castro de Ouro, brancos como símbolo da paz e doce por ser os meses do ano, pois debemos honrar ás nosas mulleres tódolos días.

Veciños Independentes de Alfoz convida a todos os veciños e veciñas que libremente queiran participar no acto.