O 13 de marzo haberá un concerto de piano do alumnado da Escola Municipal de Música de Burela. Será libre e gratuíto.

A área de piano da Escola Municipal de Música de Burela ofrecerá un concerto de alumnos o vindeiro martes, 13 de marzo, ás 19.30 horas.  Será no salón de usos múltiples e ten carácter público e gratuíto. 

O director da Escola, Xan Carballal, explica que “se tocarán unha serie de pequenas pezas clásicas e modernas tanto a nivel individual como a catro mans. Abarcan tanto cancións populares como de compositores de renome do panorama musical pianístico como Beethoven, Diabelli, Wohlfart..., interpretadas tanto por pequenos como por adultos”.

Carballal engade que “dito concerto englóbase dentro dos actos programados para o presente ano por mor da celebración dos vinte anos de creación desta Escola Municipal de Música de Burela”.