O 22 de agosto haberá teatro en Ribadeo no parque de San Francisco e o 24 chega á vila o Festival Bal y Gay.

O sábado, 22 de agosto, ás 21:30 horas no parque de San Francisco, actuará Sarabela Teatro poñendo en escena a obra Crónicas do Paraíso. Creada e dirixida por Gonçalo Guerreiro, baséase na Crónica de Sochantre de Álvaro Cunqueiro. Está interpretada por Sabela Gago, Fernando Dacosta, Fina Calleja, Fran Lareu e Elena Seijo. A función representarase no auditorio se vai mal tempo, e conta co patrocinio da AGADIC e da Rede Galega de Teatros e Auditorios. En caso de mal tempo a representación trasladaríase ao Auditorio Municipal.

E o luns, 24 de agosto, ás 20:30 horas no Auditorio Hernán Naval, de Ribadeo, ofrecerá un concerto de Ensemble Bal&Gay, dentro do VII Festival Bal y Gay. A formación créase co fin de difundir o repertorio sinfónico ou formas instrumentais de cámara pouco habituais nun espazo de plena ilusión, de compromiso e de paixón pola música. Está formada por mozos músicos das máis prestixiosas orquestras como a Orquestra Nacional de España, a Orquestra do Gran Teatro do Liceu, a Orquestra de Euskadi, a Orquestra da BBC de Escocia, a Orquestra do Festival de Verbier ou a Orquestra Sinfónica de Hamburgo, así como por intérpretes de distintas formacións que desenvolven unha carreira profesional de nivel internacional. 

As entradas poden reservarse na web www.festivalbalygay.com ou no teléfono 982 136 132. O día do concerto tamén poderán mercarse as entradas na billeteira do Auditorio, que estará aberta desde as 19:00 horas.