O 22 de decembro terá lugar a presentación da segunda novela de Pepe Peinó. Será no Valadouro.

Pepe Peinó presentará a súa segunda novela “A Fuxida” o 22 de decembro no Valadouro. 

Peinó comentou que “escribir é unha experiencia intermedia entre soñar e crear. Eu soñei toda a miña vida e as miñas inquedanzas creativas leváronme, entre outras cousas, cara á literatura. Agora publico con Olelibros a miña segunda novela, tamén en galego. Titulada A fuxida, fala das inquedanzas da adolescencia, dos seus conflitos emocionais, da busca incesante que acompaña a esa idade, unha busca que é á vez dun mesmo, do mundo e do lugar que debemos ocupar nel. Xaime é un rapaz solitario e reflexivo, que se fai moitas preguntas sobre a vida e, ansioso por atoparlles resposta, foxe da súa casa e da súa familia, intentando situarse a si mesmo no lugar que lle corresponde. Trátase dunha historia tan cotiá como profunda, tan de todos como especial”. 

O 22 de decembro ás 19:00 horas presenta esta novela no local social de Alaxe, no Valadouro. Pepe Peinó estará acompañado de Eugenia Iglesias, psicóloga, e de Bernardo Penabade, lingüista e profesor. “Posto que a historia que presento ten a súa parte psicolóxica e a súa parte pedagóxica, os convidados son os axeitados. Grazas anticipadas a eles pola súa compaña e tamén á Comunidade de Montes de Alaxe que, xentilmente, me cedeu o local para a presentación. Agardo tamén por ti... e por ti... e por ti... e por ti... Porque os lectores tamén son parte moi importante na vida dun libro. Virás? Alí nos veremos, de novo unidos pola literatura, polo soño de crear e de soñar, polos sentimentos..”, engadiu Pepe Peinó.