O 29 de xullo na Libraría Bahía, de Foz, haberá unha conversa con María López Sández e Miguel Fraga Vila, autores de "O Herbario de Rosalía".

O venres, 29 de xullo, ás 21:00h celebrarase na Libraría Bahía unha conversa con María López Sández –autora recén ingresada na Real Academia Galega- e Miguel Fraga Vila, fotógrafo.  Ámbolos dous, xunto con María Isabel Fraga Vila, son os autores do libro O Herbario de Rosalía, el encargado das fotografías que o nutren e ela do texto.

Este libro nace dun proxecto de investigación sobre as flores e as plantas presentes na obra de Rosalía de Castro que se concretou nun herbario con 150 pregos que estivo exposto no Real Xardín Botánico de Madrid e finalmente neste libro editado pola Fundación Rosalía de Castro.

No libro, igual que no resto do proxecto, únese ciencia e literatura, bioloxía e poesía e nel atopamos versos e textos de Rosalía dedicados  a cada planta e flor xunto coas características botánicas das mesmas, e a fotografía de cada unha, nun formato moi atractivo e sinxelo.