O centro de emprendemento de Sargadelos acollerá o 9 de xuño unha sesión práctica de equinoterapia.

O Centro de Emprendemento do Conxunto Histórico de Sargadelos acollerá a súa primeira actividade o vindeiro sábado, 9 de xuño.

Trátase dunha xornada práctica que se vai desenvolver nas instalacións que foron adxudicadas semanas atrás á entidade Cabaliño de Pao. Espazo Natural, creada por un grupo de mozos amantes do mundo equino.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Emprego, Manuela Méndez,  mantiveron un encontro cun dos responsables de Cabaliño de Pao, Raúl Fraga, coa directora de Aspanane, Elena Santos e cola Psicóloga desta entidade, Alicia Lage, para perfilar o evento.

En concreto neste recinto, que están rematando xa de adecuar para a realización de  actividades de lecer con cabalos para toda clase de público e  para a aplicación de distintas disciplinas de Equinoterapia para aquelas persoas con algún tipo de diversidade funcional, celebrarase unha sesión práctica deste método, que terá aforo limitado; e que será impartido en horario de 10:00 a 11:00 horas, o primeiro grupo, e de 11:30 a 12:30 horas, o segundo grupo, por profesionais da asociación Al Paso, que conta cun equipo multidisciplinar do ámbito sociosanitario e expertos en equitación terapéutica pola Universidade Complutense de Madrid.

Con esta actividade preténdese axudar a persoas a través dos beneficios que aportan os cabalos a nivel motor, psicololóxico, educativo e social.

Así mesmo, ese día tamén se inaugurará unha mostra na Sala de Exposicións de Sargadelos na que se darán a coñecer os traballos e obras realizados polas persoas usuarias dos talleres prelaborais do Centro Ocupacional de Aspanane, correspondentes ao Taller de Madeira, Taller de Cerámica e Taller de Serigrafía.
As xornadas sobre Recursos para a Práctica Clínica na Discapacidade Intelectual e Saúde Mental, arrincarán xa o venres, 8 de xuño, no salón de actos do Hospital da Costa de Burela; a inauguración está prevista para as 9:30 horas, e durante toda a xornada sucederanse diferentes ponencias e mesas redondas da man de profesionais da rama psiquiátrico-sanitaria. 

As xornadas, con aforo limitado, están dirixidas a profesionais do ámbito sanitario e dos servizos sociais, a estudantes de disciplinas como Traballo Social, psicoloxía, terapia ocupacional, enfermería, medicina…; e a persoas interesadas en xeral que se poden inscribir gratuitamente na web www.fademga.org.

O rexedor, Alfonso Villares, sinalou que “este é un momento moi agardado por todos, porque imos ver como o Centro de Emprendemento de Sargadelos se enche de vida, da man dunha actividade, ademais, que pode resultar de gran utilidade para o desenvolvemento persoal de todas aquelas persoas que desexen asistir”. É o punto de partida –engadiu- “que servirá para impulsar a actividade que se vai desenvolver xa deste este verán no Conxunto Histórico da man destas persoas emprendedoras con ideas novidosas, moitas ganas e ilusión por desenvolver o seu proxecto, e que contarán con todo o noso apoio”,

En concreto no novo Centro haberá, inicialmente, un centro ecuestre e de terapia, un negocio da rama da artesanía e un terceiro da rama da alimentación artesanal.

Méndez, pola súa banda, recordou que a día de hoxe quedan desertos 3 locais aos que pode optar calquera persoa que desexe desenvolver a súa actividade nesta contorna facendo fronte a un aluguer duns 20 euros ao mes “sempre que dean cumprimento a uns requisitos que son moi accesibles”. 

Recordou, así mesmo, que os espazos poderán ser destinados a calquera actividade comercial relacionada co sector artesanal que segue a ter prioridade; pero tamén cos produtos ecolóxicos, co sector turístico, coa hostalaría, co sector educativo, terapéutico ou con calquera outra actividade relativa ao sector terciario.