O Concello de Burela organiza visitas guiadas na Semana Santa á igrexa de Vila do Medio. E volven as Xeorutas pola Marosa e polo Perdouro.

O Concello de Burela organiza diversas actividades para esta Semana Santa. O 29 de marzo (Xoves Santo) e o 1 de abril haberá xeorutas, e a novidade deste ano son as visitas guiadas á igrexa de Vila do Medio os días 30 e 31 de marzo. O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, considera que Burela será un atractivo turístico máis na Mariña ao longo dos vindeiros días.

O edil burelés anunciou que “desde o Concello de Burela vimos de facer a presentación das actividades que imos promover durante esta Semana Santa. Imos intentar que todos os días haxa actividade turística en Burela”.

Ramiro Fernández indicou que “dada esa expectativa que nos temos creado imos seguir promocionando as xeorutas de Burela. Imos facer unha xeoruta o 29 de marzo, Xoves Santo, pola zona da Marosa que vai ser de catro e media a sete e media da tarde, e outra o domingo 1 de abril pola zona xeolóxica do Perdouro das dez e media á unha e media do mediodía. A saída vai ser desde a Oficina de Turismo”.

O concelleiro de Turismo dixo que “onde se pode apuntar a xente para facer estas rutas vai ser no teléfono 982 58 60 00, que é o teléfono do Concello, e tamén van poder facelo a través do blog da xente que nos fai as rutas, que é rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com”. 

Fernández Rey agarda que “como ven sendo habitual estas xeorutas sexan un éxito e damos unha alternativa a toda a xente que nos visita de poder facer algo nestes días en Burela”.

O edil socialista subliñou que “este ano incorporamos un obxectivo que nos tíñamos marcado, que ata o de agora non puidéramos facer de maneira habitual, que son as visitas á igrexa de Vila do Medio. Este ano comezamos esta iniciativa que queremos continuar ao longo de todo o verán se nos é posible. Estas visitas tamén se van facer os días 30 e 31 de marzo, venres e sábado, de once a unha os dous días. Aquí non fai falta inscribirse, simplemente hai que estar alí ás once da mañá, e a guía que nos vai axudar a facer este percorrido pola igrexa de Vila do Medio explicará todo na igrexa. En todo caso se alguén quere información sobre estas visitas pode chamar ao 982 58 60 00”.

O concelleiro de Turismo declarou que “imos ter evidentemente a Oficina de Turismo aberta durante todos estes días de Semana Santa, e tamén imos ter aberto o barco museo Reina del Carmen, porque entendemos que é un dos atractivos máis importantes que temos aquí en Burela e temos que seguir traballando para potencialo”.

Ramiro Fernández engadiu que “con estas actividades que temos creadas, ademais da Semana Santa de Burela, que vai ter procesións durante todos estes días, entendemos que Burela vai ser un atractivo turístico máis dentro de toda A Mariña. As expectativas que temos son que as visitas este ano sigan medrando, e Burela siga converténdose nun referente turístico da Mariña e seguimos traballando para ilo”.

Ramiro Fernández presentou estas actividades hoxe acompañado polo alcalde, Alfredo Llano, e pola concelleira de Medio Ambiente, Noelia Mª Ben.