O Concello de Cervo convida a asistir á VI Foliada e á Feira de Artesanía, que se celebra o 7 de maio na praza do Souto.

O Concello de Cervo anima a veciños e visitantes a asistir este sábado, 7 de maio, á VI Foliada e á Feira de Artesanía e Alimentación que terá lugar na Praza do Souto, desde as 12:00 horas. 

A cita foi presentada este mediodía pola tenente alcalde e edil de Cultura, Dolores García Caramés, polo concelleiro de Turismo, David Rodríguez e pola edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, xunto con representantes da A.C. Recreativa Fervenza de Sargadelos, da agrupación Fol do Raxal e A Morena, que organizan o evento, no que colabora o Concello de Cervo.

A cita musical e gastronómica dará comezo ás 12:00 horas, cando abrirá ao público a Feira de Artesanía e Alimentación e desde esa hora tamén se sucederán diferentes actuación de grupos de música e baile tradicional da contorna: A Rebolaxe (San Ciprián), Amado Lar (Valadouro), Arume (Burela), As Ferriñas (O Vicedo), As Grileiras (Burela), Cantareiras de Valdeflores (Viveiro), Cordenaia (Cervo), Fol do Raxal (Cervo), Ledicia (Burela), Medio Quinhón (Burela), No Cómbaro (As Pontes) e Os do 21 (O Vicedo). Ademais está prevista unha sesión vermú a cargo de Covagueira ás 14:00 horas.

Como peche de festa, ás 22:30 horas terá lugar un concerto folk a cargo de Airiños da Freba.

Ademais, os bares de Cervo e Sargadelos -A Sacabeira, o Caseto de Copa, O Almacén e a Taberna de Sargadelos- ofrecerán tapas elaboradas a 2,5 euros.

Tal e como precisa Caramés “temos que darlle os parabéns a estas asociacións do noso Concello por retomar a organización deste evento cultural que encherá de música e vida o núcleo de Cervo este sábado, logo de dous anos tan difíciles nos que tivemos que deixar de celebrar encontros como este que dinamizan o noso municipio”.

Desde o Concello –engade- animamos á veciñanza e visitantes a participar nesta festa que reunirá a unha representación importante do talento que hai en Cervo e tamén nas localidades da contorna”.