O Concello de Cervo organiza unha andaina popular e unha mesa redonda polo día mundial contra o cancro de mama os días 19 e 21 de outubro.

O Concello de Cervo, a través da delegación de Sanidade que dirixe Mali Méndez, organiza diversas actividades con motivo do Día Mundial contra o Cancro de mama, que ten lugar cada 19 de outubro.

Méndez explicou que o venres terá lugar unha mesa redonda na Casa da Cultura, ás 18:00 horas, na que participarán o fisioterapeuta Aladino Fernández e a psicóloga da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) na zona da Mariña, Carmen Rubiños.

O domingo, 21 de outubro, terá lugar unha andaina popular. Será ás 17:30 horas e o punto de encontro é o peirao de San Ciprián. A continuación haberá unha clase de zumba aberta a todo o público na Casa do Mar.

As persoas participantes nas actividades poden aportar o seu donativo para a loita contra esta enfermidade dirixido á Asociación Española contra o Cancro.