O Concello de Cervo organiza unha xornada de portas abertas ao futuro centro de artesanía de Sargadelos. Será o 6 de abril.

O Concello de Cervo programa unha xornada de portas abertas na que convida a todos os artesáns interesados a visitar as instalacións do futuro centro de Artesanía de Sargadelos.

Segundo sinalou o alcalde, Alfonso Villares, “hoxe mesmo enviamos unha comunicación por correo postal a todos os artesáns que amosaron o seu interese por formar parte deste Centro de Artesanía que poremos en marcha en Sargadelos, para convocalos o xoves, 6 de abril, ás 12:00 horas no antigo edificio das Cabalerizas, para que poidan ver, en primeira persoa, o resultado das obras que alí se acometeron, e os espazos que se acondicionaron para este fin”.

É un paso máis –engadiu- “que damos dende O Concello de Cervo para a posta en marcha deste Centro de Artesanía que ocupará un edificio de 840 metros cadrados que acabamos de rehabilitar e que contou cun orzamento de 120.000 euros, no que vemos unha oportunidade de primeira orde para Cervo e para o seu desenvolvemento económico e turístico”.