O Concello de Cervo programa unha ampla axenda para estas Festas de Nadal. Haberá cine, música, teatro e deporte.

O Concello de Cervo programou para estas festas de Nadal unha completa axenda de eventos e actividades dirixidas a todo tipo de público; que foi presentada este mediodía polo rexedor, Alfonso Villares, pola edil de Turismo, Mali Méndez, e polos representantes das diferentes asociacións que promoven e colaboran coa organización de varias das citas previstas -Airiños do Xunco, Fervenza de Sargadelos, Asociación de Veciños do Burgo de Trasbar, Escola de Artes Marciais de Cervo e Amigos da Troula-.

O deporte, da man do XI Campionato de Nadal de Nihon TaiJitsu, será o encargado de dar o pistoletazo de saída ao promama de Nadal. A cita será o sábado 22 de decembro ás 17:00 horas no Pavillón da Veiga, en San Ciprián.

O domingo, 23 de decembro, será un día importante dentro do calendario de actividades que comezará ás 12:00 horas na biblioteca de Cervo cun obradoiro de xogos tradicionais. Xa pola tardiña, a partir das 16:30 horas, a asociación de veciños do Burgo de Trasbar convidou a Papá Noel ao seu local social; ademais para o 31 de decembro tamén animan a brindar polo novo ano, entre as 19:00 e as 20:30 horas.

A partir das 18:00 horas dese 23 de decembro o auditorio da Casa da Cultura acollerá a tradicional e agardada Gala de Nadal, protagonizada polos diferentes grupos de música, canto e baile do municipio.

O luns 24 de decembro a Asociación Fervenza de Sargadelos coa colaboración do Concello, organiza un ano máis a Noiteboa Infantil. Será a partir das 17:00 horas no ecomuseo de Cervo. Durante toda a tarde haberá actividades pensadas para os máis pequenos, e non faltará a merenda e a visita de Papá Noel.

O mércores 26 e o xoves 27 de decembro estarán dedicados, fundamentalmente, á xuventude do noso Concello. O mércores o Parque Reina Sofía acollerá a actividade novidosa “Laser Tag”, un xogo deportivo que simula un combate entre dous equipos, que teñen que sumar puntos alcanzando con disparadores de infravermellos os dispositivos receptores que teñen os rivais. Será a partir das 16:00 horas. Xa o xoves será a quenda do Escape Room, un xogo de aventura físico e mental no que os xogadores deberán solucionar enigmas para conseguir saír da habitación antes de que remate o tempo. Ese mesmo día, a partir das 20:00 horas, o auditorio da Casa da Cultura acollerá o espectáculo Falar Sen Cancelas, protagonizado por Fran Rei, Isabel Risco, Pedro Brandariz, dirixido a todos os públicos.

O venres, 28 de decembro, terá lugar o Callo Fest, na carpa instalada na Praza dos Campos, en San Ciprián, que organiza a asociación Amigos da Troula, coa colaboración do Concello. O festival comezará ás 18:30 horas con actividades pensadas para os máis pequenos; e os concertos serán a partir das 20:00 horas. Nesta segunda edición o cartel está conformado polos locais The Lazy Bones -que repiten-; Supernatural, Mckuin –tributo a Queen- e Pegas Negras. Haberá moitas sorpresas que irán desvelando desde a organización, ademais do ensaio das badaladas con brinde á medianoite, disco móbil e callos de balde ao remate da Festa.

O sábado, 29 de decembro, ás 20:00 horas, o auditorio acollerá un monólogo de Oswaldo Digón; e o venres, 4 de xaneiro, “Trío Duero” ofrecerá un concerto de Nadal, a partir das 20:00 horas, no auditorio.

Os Reis Magos, como non podería ser doutro xeito, teñen tamén moito protagonismo nesta programación. O sábado, 5 de xaneiro, sairán en percorrido por San Ciprián ás 17:30 horas ata o auditorio, e por Cervo, ás 19:30 horas ata o salón de actos do Concello. Este evento está organizado pola asociación Airiños do Xunco, coa colaboración do Concello. Tamén está prevista a actuación, a continuación, do grupo de teatro O Bordelo.

Tamén nestas datas se proxectarán diferentes películas como o Rey León, o domingo 30 de decembro; e o novo filme de “La Bella y la Bestia”, o 3 de xaneiro; ámbalas dúas ás 19:00 horas.

Desde o Concello de Cervo convidan a toda a veciñanza e visitantes a participar nas actividades programadas e a gozar destas Festas no municipio.