O Concello de Cervo programou unha ampla axenda de eventos e actividades para este Nadal. Están destinadas a todos os públicos.

O Concello de Cervo programou para estas festas de Nadal unha completa axenda de eventos e actividades dirixidas a todo tipo de público; que foi presentada este mediodía polo edil de Turismo, David Rodríguez, pola concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, e polos representantes das diferentes asociacións que promoven e colaboran coa organización de varias das citas previstas -Airiños do Xunco, Fervenza de Sargadelos, Asociación de Veciños do Burgo de Trasbar, Escola de Artes Marciais de Cervo, Amigos da Troula, Mariña Patrimonio, asociación de Mulleres Rurais As Espalladores e a asociación de veciños de San Román-.

Mañá venres, 20 de decembro, recibiremos pola mañá a visita anticipada de Papá Noel que se achegará aos colexios e á Escola Infantil da man da delegación de Cultura, e pola tarde o apalpador estará no Pavillón de San Román, a partir das 17:00 horas con merenda incluída a base de chocolate con churros. Este evento está organizado  pola asociación de Mulleres Rurais As Espalladores e a asociación de veciños de San Román.

Tamén mañá venres comezará o ciclo de conferencias “Escoitando o Mar”, organizado por Mariña Patrimonio, e que terá lugar os días 20, 26 e 27 de decembro, a partir das 18:30 horas, no Museo do Mar. 

O deporte tamén será protagonista este Nadal da man do XII Campionato de Nadal de Nihon TaiJitsu. A cita será o sábado 21 de decembro ás 17:00 horas no Pavillón do CEIP de Cervo.

O domingo, 22 de decembro, inaugurarase a exposición “Basuraleza”, ás 13:00 horas, na sala de exposicións da Casa Cultura. Unha mostra obra de Emilio Pascual, conformada por 15 pezas elaboradas con restos que o autor atopou e recolleu en contornas naturais, reconverténdoos en obras pictóricas, para concienciar sobre a importancia de Reducir, Reutilizar e Reciclar, e sobre todo de ser máis respectuosos co medio.

Xa pola tardiña a partir das 16:30 horas, a asociación de veciños do Burgo de Trasbar convidou a Papá Noel ao seu local social; ademais para o 31 de decembro tamén animan a brindar polo novo ano, a partir das 19:00 horas.

A partir das 18:00 horas dese 22 de decembro o auditorio da Casa da Cultura acollerá a tradicional e agardada Gala de Nadal, protagonizada polos diferentes grupos de música, canto e baile do municipio.

O martes 24 de decembro a Asociación Fervenza de Sargadelos coa colaboración do Concello, organiza un ano máis a Noiteboa Infantil. Será a partir das 16:30 horas nas Escolas Vellas de Cervo. Durante toda a tarde haberá actividades pensadas para os máis pequenos, e non faltará a merenda e a visita de Papá Noel.

O venres, 27 de decembro, terá lugar o Callo Fest, na carpa instalada na Praza dos Campos, en San Ciprián, que organiza a asociación Amigos da Troula, coa colaboración do Concello. O festival comezará ás 20:30 horas. Nesta terceira edición o cartel está conformado por Blow, Jony Ramos & Sunday Morning Club, Stoned at Pompeii, e Green Hot Peppers. Haberá moitas sorpresas que irán desvelando desde a organización, ademais do ensaio das badaladas con brinde á medianoite, disco móbil e callos de balde ao remate da Festa.

Os Reis Magos, como non podería ser doutro xeito, teñen tamén moito protagonismo nesta programación. O sábado, 5 de xaneiro, sairán en percorrido por San Ciprián ás 18:00 horas desde o Pavillón da Veiga ata o auditorio, e por Cervo, ás 19:00 horas desde as Escolas Vellas ata o salón de actos do Concello. Este evento está organizado pola asociación Airiños do Xunco, coa colaboración do Concello. Tamén está prevista a actuación, a continuación, do grupo de teatro O Bordelo.

Ademais o sábado, 28 de decembro, ás 18:00 horas, a carpa instalada na praza dos Campos acollerá o espectáculo infantil “Rey León”. O domingo 29 o auditorio será o escenario dun concerto ofrecido polo quinteto de clarinete “Albán Ensemble” ás 19:00 horas, e o sábado, 4 de xaneiro, o coro Tempus Fugit actuará no auditorio a partir das 20:00 horas.

Non faltará a tradicional festa acuática gratuíta na piscina municipal con inchables e xogos para as crianzas. Será o 3 de xaneiro, a partir das 17:00 horas.

Tamén nestas datas se proxectará a película “Paddington 2” o luns 30 de decembro, ás 19:00 horas.

Desde o Concello de Cervo convidan a toda a veciñanza e visitantes a participar nas actividades programadas e a gozar destas Festas no municipio.