O Concello de Foz programa 16 actuacións culturais na rúa do 7 ao 10 de agosto. O día de San Lourenzo é festivo local.

O Concello de Foz programa 16 actuacións de Cultura na rúa desde este venres ata o luns, día de San Lourenzo, que é festivo local.

Este venres, día 7, na avenida da Mariña ás 12:00 e ás 18:00 horas actuará o DJ Poppy García. Ás 21:00 horas na praza Conde de Fontao haberá un concerto do coro Tempus Fugit, de Viveiro. E ás 22:30 horas proxectarase a película Superlópez na parroquia de Cangas, concretamente na pista da festa.

O sábado 8 o grupo Muddy Doll actuará na praia da Rapadoira ás 13:00 horas e na praza Conde de Fontao ás 21:30 horas. E o DJ Poppy García estará na avenida da Mariña ás 12:00 e ás 18:00 horas.

O domingo, día 9, haberá dous concertos do grupo Música de sofá: ás 13:00 horas na praia da Rapadoira e ás 21:30 na praza Conde de Fontao. E ás 20:00 horas actuará a Banda de Música de Foz no Campo da Cabana.

E o luns 10, día de San Lourenzo, que é festivo local en Foz, haberá cinco actividades: ás 12:00 pasarrúas a cargo de O Feitizo; o grupo Los Alcántara actuará ás 13:00 horas na praia da Rapadoira e ás 21:30 horas na praza Conde de Fontao; ás 22:30 horas proxectarase a película Mascotas 1 na praia da Rapadoira e ás 23:00 horas na praza Conde de Fontao terá lugar un concerto do grupo Os Kentakis.