O Concello de Mondoñedo cancelou o Mercado Medieval e aposta este verán por unha programación cultural adaptada á situación sanitaria.

O Concello de Mondoñedo cancela a celebración do Mercado Medieval para este 2020 debido á situación sanitaria derivada da covid-19 e aposta por unha programación cultural e de lecer adaptada á actual situación sanitaria.

“Esta programación alternativa ten tamén como obxectivo contribuír a posicionar Mondoñedo como destino turístico seguro”, segundo sinala o concelleiro de Cultura e Novas Tecnoloxías, Alberto García, quen afirma: “con esta proposta cultural buscamos a protección da saúde, a través de eventos en pequeno formato cos que dinamizamos e axudamos á economía local”.

Baixo o lema ‘ActivandoMondoñedo’, esta “programación alternativa de cultura e lecer no verán 2020” ofrecerá de xoves a domingo ata o final do verán diversas actividades distribuídas entre as distintas rúas e prazas mindoniensesque pretenden“evitar concentracións numerosas e facilitar, ao mesmo tempo, a súa adaptación ás medidas sanitarias en vigor en cada momento” segundo o concelleiro de promoción económica, Manuel Tapia.

Este amplo programa, que se irá sumando ao longo do verán, inclúe eventos diversos para todos os públicos coma os Domingos Frescos, os Xoves de Verán, os Seráns de Lecer ou os mercadiños dos xoves aos que hai que engadir animación de bares e terrazas, espectáculos de maxia, títeres, obradoiros infantís, teatro na rúa, música tradicional e xogos populares e acuáticos. Ademais, “contaremos coa colaboración de distintas agrupacións musicais de Mondoñedo coma o Coro Mestre Pacheco, a Banda de Música Pascual Veigaou da Escola Municipal de Música que ofrecerá unha xincana musical”clarexou a concelleira do Camiño Norte, participación cidadá e asociacionismo, Patricia Otero.Así mesmo, o Concello organiza diversas actividades deportivas e o tradicional Día da Bicicleta.

Merlín Fest
A música será tamén o fío condutor de novas iniciativas que nacen en Mondoñedo debido á situación sanitaria da covid-19. É o caso, entre outros, do Merlín Fest, un proxecto xurdido a raíz do parón cultural e que pretende apoiar aos empresarios e autónomos deste sector, grazas a unha orde de axudas daconsellería de Cultura da Xunta de Galicia.