O conxunto etnográfico do Vilar é un elemento máis para identificar Mondoñedo como un destino de actividades da natureza.

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, pon en valor que o Conxunto Etnográfico do Vilar, inaugurado esta mañá, contribúe a desenvolver a oferta turística do Concello e a identificar a cidade como un destino con actividades da natureza “sumamente atractivo”.  

A rexedora precisa que este proxecto integral, que inclúe un albergue da natureza, unha aula da natureza e un centro de recepción BTT que se porá en funcionamento proximamente, supón unha “aposta pola natureza como valor seguro que sempre debemos coidar e protexer”.A rehabilitación do conxunto etnográfico deu comezo o 5 de novembro do ano 2003.

O acto de inauguración contou coa participación da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, membros da Corporación mindoniense e outros representantes das administracións; ademais de propietarios dos terreos cedidos, familiares e representantes do tecido asociativo de Mondoñedo.
Agradecemento á familia e aos veciños

Elena Candia dixo que “estamos ante un acto de agradecemento á familia dona dos terreos e dos inmobles” pola súa “xenerosidade” na cesión e pola ilusión que os “moveu a formar parte dun proxecto turístico integral para a cidade. Unha familia motivada polo obxectivo de contribuír ao desenvolvemento cultural e turístico de Mondoñedo”.

A rexedora tamén fixo extensible estas palabras de agradecemento aos veciños e veciñas polo seu bo acollemento e disposición ante este proxecto co “que queremos seguir sumando para posicionar Mondoñedo como un lugar atractivo para os amantes da natureza”.

Constancia e colaboración, claves na consecución de proxectos
A alcaldesa de Mondoñedo tamén destaca que “a constancia e a perseverancia” son “claves” na consecución de proxectos ao que lle suma a importancia da “colaboración e do entendemento entre as distintas administracións para acadar iniciativas que achegan “valor engadido ao rural, son respectuosas coa natureza e preservan o medio ambiente”.
Candia quixo convidar, así mesmo, a “apostar por iniciativas emprendedoras á beira do Camiño Norte coas que dar a coñecer tamén o noso patrimonio etnográfico e o noso entorno natural único”.

O Conxunto Etnográfico do Vilar
O Conxunto Etnográfico do Vilar, situado sobre o Camiño Norte a 4,5 quilómetros da cidade de Mondoñedo pola estrada de Maariz, consta dun albergue da natureza conformado por varias vivendas, unha aula da natureza en un futuro queremos que sexa centro de recepción BTT. Trátase dun “espazo privilexiado” no entorno do río Valiñadares dende onde se aprecia a entrada da cavidade máis extensa de Galicia, a Cova do Rei Cintolo.

O albergue, que conta con 54 prazas e tódolos servizos, constitúe pola súa localización un lugar ideal para o aloxamento de peregrinos e tamén de grupos organizados e independentes que procuren un lugar tranquilo e cómodo dende onde realizar actividades na natureza.

A aula da natureza é o espazo para a recepción dos visitantes onde se ofrece unha aproximación á prehistoria local e a aspectos da flora, fauna e xeoloxía do entorno. É ademais o inicio da Ruta Arqueolóxica de Mondoñedo.

O Conxunto Etnográfico do Vilar tamén suma o “importante aliciente” que supoñen as novas tecnoloxías, con todo o necesario á disposición dos seus usuarios. Entre elas, a rexedora citou a posibilidade de uso de gafas en 3D.