O escritor e xornalista Miguel Anxo Murado será o pregoeiro das Feiras e Festas das San Lucas 2017, que terán lugar en Mondoñedo do 17 ao 22 de outubro.

O escritor e xornalista Miguel-Anxo Murado será o pregoeiro das Feiras e Festas da San Lucas 2017, segundo anunciou hoxe o presidente da asociación organizadora, Miguel Souto, quen puxo de manifesto “o orgullo que supón para nós que Miguel-Anxo Murado, unha persoa ligada dende a súa infancia a nosa cidade, aceptase o noso convite para pronunciar este ano o pregón das feiras máis antigas de Galicia”.

Miguel-Anxo Murado (Lugo, 1965) é autor dunha obra que inclúe novelas, libros de relatos, poesía, teatro e ensaio. Entre os seus libros de ficción destacan Ruído ou O Soño da Febre, e entre os seus ensaios o volume Outra Idea de Galicia, unha reflexión sobre o país. Antigo correspondente do diario El Mundo en Oriente Medio, na actualidade é columnista e comentarista de política internacional en La Voz de Galicia e na prensa británica e norteamericana. 

Vinculado a Mondoñedo a través da súa avoa materna, Murado ten escrito en numerosas ocasións sobre a súa fascinación pola cidade e a obra do escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro, ao que dedicou unha serie de televisión (Cunqueiro, os anos do fabulador) e un documental (O incerto señor Cunqueiro). O seu traballo mereceu, entre outros, o Premio da Crítica, o Premio dos Editores Galegos, o Premio Frei Martín Sarmiento, o Losada Diéguez, e máis recentemente, polo seu labor como columnista, o Fernández Latorre e o Premio Julio Camba.

Amais, Miguel Souto tamén destaca do escritor e xornalista “o amor que as súas palabras desprenden pola nosa cidade”. Souto lembra que o propio Murado “asegura sentir un amor por Mondoñedoque lle vén dende a infanciacando de pequeno os seus pais o traian ás San Lucas”, ata o punto de que as definiu “como a apoteose lírica do cabalo galego e considera a chegada das greas á cidade como un espectáculo grandioso”. Así, dende a Asociación As San Lucas queren agradecer “este sentimento que o escritor ten por Mondoñedo” e considérano “como un dos mellores pregoeiros que lle pode facer chegar á xente o que implican as nosas feiras”. 

A lectura do pregón terá lugar o martes 17 de outubro, día das vésperas, ás 20:45 horas, no auditorio Pascual Veiga. Previamente, ás 20:30 horas, celebrarase a ofrenda floral ante a tumba do Mariscal Pardo de Cela na Catedral, durante a que o grupo de gaitas Arco da Vella interpretará o himno do Antigo Reino de Galicia. A continuación, a comitiva e as carrozas das San Luqueiras, acompañados polos xigantes e cabezudos e o grupo de gaitas, desprazaranse cara o auditorio, onde trala celebración do pregón será a actuación do Coro Mestre Pacheco da Escola Municipal  de Música O Pallarego de Mondoñedo.

As San Lucas, entre o 17 e o 22 de outubro
As San Lucas celebraranse na cidade entre o 17 e o 22 de outubro, ao redor dun amplo abano de actividades, que darán comezo o martes 17 de outubro, coñecido como día das vésperas, coa celebración da tradicional baixa de cabalos e co pregón.A programación finalizará o domingo 22 de outubro cos actos dos centenarios de homenaxe a Pascual Veiga e da constitución de Irmandades da Fala. Ademais, tamén se fará a entrega do Premio Mondoñedo 10 e xa, o domingopola tarde, ás 17:00 horas,  será o Encontro Folclórico na Praza da Catedral, que este ano conta coa participación dos catro coros históricosgalegos: Cántigas da Terra da Coruña, De Ruada de Ourense, Cantigas e Agarimos de Santiago e Toxos e Froles de Ferrol. Ás 19:30 horas, haberá teatro no auditorio, coa obra Un Caso Compricado de Leandro Carré Alvarellos.  E como todos os días, á noite celebrarase a verbena na Alameda.