O Vicedo celebra o Samaín co seu tradicional desfile o 31 de outubro, que chega á décimo oitava edición.

Desde o Concello sinalan que “este ano podemos recuperar unha das citas socioculturais máis peculiares do Vicedo. Trátase do desfile de Samaín, que vai celebrar a súa edición número 18 xa, e que conta coa axuda imprescindible da APA do Vicedo para poderse facer”.

Será o vindeiro luns, 31 de outubro, a partir das 19:30 horas saíndo da Casa da Cultura, pasando por varias rúas do Vicedo e regresando á Casa da Cultura para compartir todos os participantes unha chocolatada, ofrecida pola APA.

“Unha novidade deste ano será o obradoiro de lámpadas terroríficas que organiza a APA o luns pola mañá para nenos e nenas de Primaria, do que informará máis ampliamente a propia asociación. Lembramos a importancia de seguir a tradición deste desfile de portar traxes brancos (sexa sabas ou camisetas moi longas) para que os participantes destaquen na noite, xa que as rúas estarán ás escuras durante o percorrido. Agardámosvos con moita alegría despois de 3 anos...”, engaden desde o Concello.