O VII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos, que organiza Apaga en agosto, inclúe actividades en Ribadeo, Pamplona e Madrid.

APAGA, a Asociación de Profesores de Automoción de Galicia con sede en Ribadeo, ultima o VII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos que se celebrará na localidade do 29 ao 31 de agosto. Como novidade esta edición inclúe a realización de actividades en Pamplona do 3 ao 5 de setembro, e en Madrid os días 6 e 7 tamén de setembro. En Ribadeo haberá ponencias e talleres sobre aerografía, soldadura, robótica e climatización, entre outros. A participación nas actividades de Pamplona e Madrid está pechada, e para Ribadeo ofértanse 60 prazas das que xa hai máis de 40 cubertas. O prazo de inscrición remata o 15 de agosto.

O presidente de APAGA, Álvaro Doural, dixo que “como todos os anos por estas datas, a Asociación de Profesores de Automoción de Galicia, APAGA, por en marcha o Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos. As datas son sempre a finais de agosto, e posiblemente para o ano haxa un cambio pola complexidade á hora de conseguir poñentes porque é un período de vacacións e imos ver a forma de poder cambiar esas datas. O Fórum este ano será o 29, 30 e 31 de agosto”.

Doural subliñou que “este ano como novidade imos ter outras actividades fora de Ribadeo. Imos facer unha actividade en Madrid, que vai ser un taller de pintura o 6 e 7 de setembro, e os días 3, 4 e 5 de setembro imos facer outra actividade en Pamplona, que vai ser un taller sobre material didáctico sobre vehículos híbridos e eléctricos. É unha resposta aos socios que temos noutras comunidades como Pamplona e Madrid, de aí que estean abertas á participación de socios e empresas que acoden aos cursos e actividades de formación que organiza esta asociación. Ese é outro grupo de persoal que está tamén no que é APAGA”.

O presidente de APAGA engadiu que “o esquema de traballo do VII Fórum é pola mañá conferencias e pola tarde talleres. Está aínda sen confirmar, pero posiblemente imos ter tamén a presentación dun vehículo novo dunha marca de coches, en colaboración cun concesionario de Ribadeo. Como todos estes anos colaboran con nós empresas como BMW, PSA, Bosch ou Varta. Imos contar coa presenza dun profesor italiano, precisamente un profesor dos alumnos que estiveron en Ribadeo, que é de Breschia, e vai presentar unha ponencia neste foro. Imos contar tamén coa colaboración do xornalista Álvaro Saura, que é un especialista en temas de vehículos eléctricos. Estamos pendentes de conseguir a colaboración dunha empresa de robótica para incorporarse aos talleres de soldadura, de clima e de aerografía”. 

Álvaro Doural indicou que “a inscrición estará aberta ata o 15 de agosto. A verdade é que quedan xa moi poucas prazas, pero neste momento quedan unhas 15 prazas dispoñibles. Este ano é aberto con custe cero, a única condición é que a xente que queira participar ten que entrar na nosa web www.apaga.es e apuntarse. Temos ata 60 prazas e neste momento hai máis de 40 inscritos. Non se vai admitir a ninguén que non teña feito a solicitude, as prazas vanse dar por riguroso orde de entrada na web, en todo momento o que queira facer a comprobación pode facelo. Aquela persoa que non estea inscrita non se vai admitir, porque todo isto leva consigo unha organización dos espazos e de todo”.

Doural fixo fincapé nas actividades que se realizarán fora de Ribadeo: “o curso de pintura en Madrid está pechado xa porque se comunicou vía correo electrónico a toda a xente posible para participar, e a actividade que se vai facer en Pamplona tamén está pechada. Este ano é un Fórum especial debido a ese tipo de actividades, que a nosa idea é continuar incrementando e diversificando. Aínda que o núcleo forte estea en Ribadeo que haxa máis actividades espalladas por toda España”. 

O presidente de APAGA adiantou que “imos iniciar tamén como novidade, a partir do mes de outubro ou novembro, un novo proxecto europeo cun centro de Eslovaquia e outro de Chequia sobre novos combustibles, novos sistemas nos vehículos híbridos, eléctricos, combustibles a través de gas e todo iso”.