O X Encontro de Palilleiras de Burela será o 13 de maio. A inscrición para participar estará aberta ata o día 2 dese mes.

Este mediodía foi presentado no salón de plenos do Concello o X Encontro de Palilleiras que terá lugar o día 13 de maio, organizado pola Asociación Cultural e Artesanal de Mulleres Palilleiras As Encaixeiras. Estiveron presentes nesta presentación xunto ao alcalde, Alfredo Llano, os concelleiros de Mar e Cultura, Patricia Otero e José Díaz, respectivamente, así como representantes de Absa, da Confraría de Pescadores e da Fundación Expomar.

Este encontro de palilleiras desenvolverase no porto de Burela onde se inaugurará  ás 11:30 horas. Posteriormente procederase a unha degustación de empanada de pescada, que dará comezo ás 12:00 horas, así como unha viaxe ao Monte Castelo e á igrexa de Vila do Medio. Tamén haberá unha actuación de baile e canto tradicional a cargo de Arume.

O horario do X Encontro de Palilleiras será de 10:00 a 13:30 horas, e pola tarde de 16:00 a 19:00 horas. Patrocinan o Concello de Burela, Absa, a Deputación de Lugo, a Confraría de Pescadores de Burela e a Fundación Expomar, e participa como profesora colaboradora Ángeles Blanco Rego.

O prazo de inscrición para participar neste encontro de palilleiras está aberto ata o 2 de maio, e as persoas interesadas poden facelo no número de teléfono 653 29 59 12 ou en asencaixeiras@gmail.com.

O 13 de maio, a recepción das palilleiras será ás 10:00 horas, e entre as 10:30 e as 13:30 horas terá lugar a demostración de traballos e pola tarde a partir das 16:00 horas. Tamén haberá entre as 16:00 e as 19:00 horas globoflexia e pintacaras, e ás 17:30 horas sorteo de regalos. Ademais ao longo da xornada poderá visitarse o Barco Museo Boniteiro Reina del Carmen e o Museo Histórico.

E xa o domingo, día 14, pola mañá haberá unha masterclass a cargo de Raquel M. Adsuar.