O XXVI Mercado Medieval de Mondoñedo celebrarase do 11 ao 13 de agosto. O evento foi presentado na praza da Catedral.

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, a Alcaldesa de  Mondoñedo, Elena Candia López, o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, a xefa territorial de Cultura da Xunta en Lugo, Maria Jose Gómez, presentaron a XXVI Edición do Mercado Medieval de Mondoñedo, que se celebrará os dias 11, 12 e 13 de agosto nas vilas céntricas da cidade. Fixérono na Praza da Catedral de Mondoñedo, o epicentro desta celebración, que cada ano atrae a miles de visitantes.

Campos Conde destacou que “dende o Goberno da Deputación renovamos a nosa colaboración cunha das citas turísticas e culturais máis importantes do municipio mindoniense, a través da que se xera riqueza e emprego e, polo tanto, e se dinamiza a economía local”. O Presidente remarcou que o organismo provincial é o principal impulsor deste evento, pois realiza unha achega económica de 32.000 euros para a organización da cita, así como cunha exposición de artesanía. Nesta ocasión, a programación conta con máis de 70 actividades, entre as que destacan: actuacións musicais; demostración de produtos artesanais; degustación gratuíta de liscos, pan, viño e cervexa, cetrería; gran torneo medieval; vodas; teatro; esgrima e actividades infantís, entre outras moitas.

O Presidente explicou que o Goberno da Deputación é a principal promotora e impulsora doutras citas turísticas e punteiras en Mondoñedo, como as Feiras da San Lucas, considerada unha das citas de gando cabalar máis antiga de Europa; así como de recursos turísticos, como as Covas do Rei Cintolo. Por exemplo, o Executivo Provincial achegou 40.000 euros para celebrar estas citas, 20.000 para cada unha delas.

Por último, o Presidente agradeceu o traballo o esforzo realizado durante estes anos por todos os colaboradores do Mercado Medieval e destacou que “como Alcalde que son, coñezo ben ás necesidades que teñen os Concellos, e a importancia da colaboración dos veciños nos eventos que se realizan ao longo do ano. Por iso merecedes o meu recoñecemento e o meu aplauso; como, por exemplo, o pregoeiro deste ano, Jose Ramón Montenegro Espina, que colabora dende a 1ª edición”.

Programación
O Mercado Medieval de Mondoñedo celebrarase a segunda fin de semana de agosto, concretamente os días 11, 12 e 13 de agosto. O venres 11, ás 20:00 horas abrirase a XXVI Edición do Mercado Medieval, cunha actuación do bruxo Queiman e Andrea Pousa, na que tamén haberá queimada. O sábado 12, haberá pregón, demostración de produtos artesanais, exhibicións de cetrería, títeres, espectáculos de lume, concerto medieval, cabaleiros medievais polas rúas, bufóns, verdugos, gran torneo medieval, e como cada ano, degustación gratuíta de liscos, pan, viño e cervexa. Esta xornada pechará coa tradicional gran cea na Praza da Catedral, que ten un custe de 12 euros. 

O domingo 13 haberá, entre outros, exhibicións de tiro con arco, cetrería e a voda medieval polo rito mozárabe na Fonte Vella, ás 13:30 horas. Xa a partir das 20:00 horas disputarase un gran torneo medieval no Campo de fútbol de Santa Catalina, e pola noite ás 23:00 horas pechase esta edición coa actuación de bruxo Queiman e a voz da Andrea Pousa, cun espectáculo de luz na praza da Catedral. 

Os lugares das actuacións musicais do Mercado, son ademais da Praza da Catedral e as rúas céntricas da cidade; a Praza do Seminario, Fonte Vella, Praza do Concello, o campo de fútbol do Seminario e a Alcantara. Ademais, durante as xornadas haberá campamento para os máis cativos no parque do Seminario. 

Durante o acto de presentación do programa desta 26 edición do Mercado Medieval,celebrado esta mañá na Praza da Catedral, a alcaldesa de Mondoñedo subliñou o atractivo e a transcendencia deste evento que “permite que a nosa cidade reviva con ilusión o seu pasado medieval”. 

A programación para esta anualidade do Mercado Medieval pon de manifesto o forte compromiso do Goberno local coa organización desta cita. “Tanto o Concello coma os veciños estamos a esforzarnos para que o mercado siga a medrar cada ano tal e como vén facendo”, explicou Candia, ao que engadiu que “os mindonienses e os visitantes e turistas poderán desfrutar os días 11, 12 e 13 de agosto dun Mercado Medieval que arrincará antes e rematará máis tarde”.

Unha programación ampliada
Durante a presentación, Elena Candia fixo fincapé na ampla variedade de actividades que inclúe a programación do mercado, “o que cada ano o fai máis atractivo para todos os que se achegan a Mondoñedo”, precisou.

“Reforzamos o venres con actuacións máis cedo”, matizou. Así, o día 11, o Mercado Medieval arrincará xa ás 20:00 horas coa actuación do Bruxo Queiman e Andrea Pousa na Praza da Catedral, á que lle seguirá unha escenificación histórica da época constitucional da cidade de Mondoñedo e unha queimada, entre outras actividades. A xornada do venres, finalizará cunha actuación musical a cargo do Grupo Mondrum (Batuka).

Xa o sábado 12, día do turista, dende as once horas, os postos abriranse ao público, celebrándose o pregón ás doce horas. O día estará cheo de actuacións musicais, exhibicións de cetrería, títeres, esgrima, tiro con arco, escenificacións, xunto a outras moitas actividades que se desenvolverán por todas as rúas da localidade e que ambientarán o casco histórico da cidade.

Entre os actos máis destacados, dentro dunha programación completa e diversa,Candia citou o gran torneo medieval, que terá lugar o sábado e o domingo ás oito da tarde no campo de fútbol do Seminario e contará con especialistas en hípica celta e música ao vivo.

O domingo continuarán os postos dende as once da mañá e as variadas actividades, que nesta edición prolongaranse ata máis entrada a noite, xa que o peche da XXVI edición do Mercado Medieval terá lugar ás once da noite, con actuacións do Bruxo Queimán e a voz de Andrea Pousa xunto a un espectáculo de luz na fachada da Catedral.

Os nenos tamén serán protagonistas no Mercado Medieval. Ademais de manter aberto o campamento o sábado e o domingo, o Goberno local incorpora o recuncho infantil con actividades pensadas especificamente para todos os nenos e nenas no Parque infantil xunto ao Seminario.

Máis postos
De igual xeito, a rexedora destacou o incremento do número de postos de artesáns cos que contará o Mercado Medieval este ano. “Ao redor de 160 postos, que transforman Mondoñedo nunha cidade do medievo durante tres días”, destacou.

Elena Candia precisou que moitos dos participantesson artesáns que xa coñecen a feira de anteriores edicións repetindo experiencia máis do 80%, segundo as súas propias palabras, por ser un mercado "acolledor, organizado polo propio Concello e voluntarios e celebrado nun contexto único", unha cidade declarada conxunto histórico artístico que se presenta como marco inmellorable da festa.

Agradecemento e transcendencia do Mercado Medieval
A rexedora aproveitou a súa intervención para agradecer o traballo de todas as asociacións implicadas no Mercado Medieval; entre as que se atopan os Amigos do Mercado, a ACIAM e a Asociación Cultural O Pasatempo. “Entre todos os amigos e amigas do mercado medieval que ano tras ano colaboran e traballan de xeito desinteresado na súa organización, conseguimos unha volta ao medievo rúa a rúa que cada vez atrapa a máis visitantes”, remarcou.

Por último, durante a presentación, a alcaldesa tamén puxo de relevo a transcendencia deste evento. “Cada ano aumenta o número de visitantes que veñen a Mondoñedo durante o Mercado Medieval”, engadiu.