O XXVII Mercado Medieval de Mondoñedo suma este ano arredor de 150 postos e máis de 70 actividades. Será do 10 ao 12 de agosto.

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, presentou a XXVII edición do Mercado Medieval acompañada de representantes das asociacións colaboradoras e dos voluntarios.A rexedora destaca a incorporación de novos contidos, así como unha maior presenza nesta edición de autores locais, como Souto Xímaro, Gaita Escola, Mondrum e a colaboración da Escola de Música, dos voluntarios e de Pasatempo.

A cita, declarada o ano pasado Festa de Interese Turístico Galego, desenvolverase  entre o venres 10 e o domingo 12 de agosto cunha ampla programación que recolle animación de rúa, música, actividades de recreación histórica, demostracións e obradoiros para todas as idades, degustacións e venda de produtos da terra. Serán un total de 150 os postos que, engalanados para a ocasión ao xeito da Idade Media, enchan as rúas da cidade que agarda celebrar máis de 70 actividades ao longo da fin de semana.

A rexedora mindoniense agradeceu durante a presentacióna colaboración das asociacións coma Amigos do Mercado Medieval, Xoldra e O Pasatempo que “ano tras ano traballan desinteresadamente nesta cita”. De feito, polo seu interese e implicación será José Ramón Montenegro (Espina) o pregoeiro desta edición do Mercado Medieval.
Novidades deste ano

A integración dos veciños e colectivos do municipio nesta celebración queda demostrada coa participación dos membros da Escola de Música que estrearán un espectáculo de teatro musical o vindeiro venres 11 de agosto ás 00:00 horas no atrio do Seminario con entrada gratuíta. En total haberá preto de 50 persoas sobre o escenario para darlle vida á obra ‘O amor de Afonso Reimúndez’, elaborada por Xan Carballal sobre un texto histórico do activista cultural Xosé Peinó. Desde a Escola de Música, os seus mestres explican que se buscaba unha historia que tivera que ver coa época medieval mindoniense, unha obra recreada na vida do monarca do século XII e a súa vinculación con Mondoñedo.  

Para levar a cabo esta representación de teatro e música cóntase co alumnado da Escola de Música de Mondoñedo, así como  músicos doutras agrupacións de Lugo e do grupo Souto Xímaro. O elenco de actores e cantantes  levan desde o mes de marzo traballando na obra, na parte vogal e na teatral.

A alcaldesa, a popular Elena Candia, agradece que a Escola de Música de Mondoñedo se involucre nesta celebración e explica que esta colaboración pretende darlle “un maior protagonismo á Escola de Música dentro dos actos do Mercado Medieval, como unha forma de ensinar o traballo que fan e de seguir reforzando o programa con novas e interesantes propostas”.

Tamén Gaita Escola, Souto Xímaro ou Mondrum se unen á celebración achegando música a esta cita medieval que contará cos títeres de Mircromina.
Elena Candia quixo lembrar que o Mercado Medieval reunía na pasada edición a uns 35.000 visitantes polo que “se erixe como un dos principais reclamos turísticos de Mondoñedo”. Por iso, dende o Concello continuamos a impulsar estas celebracións que “poñen en valor o casco histórico da cidade ao tempo que ofrecen alternativas de ocio na época estival atractivas para veciños e visitantes”. 

Unha programación “medieval”
Aampla variedade de actividades programadaspara este XXVII Mercado Medieval darán comezo o venres 10 ás 20:00 horas cunha batucada a cargo do Grupo Mondrum para deixar paso, ás 22:00 horas, a unha das novidades da programación deste 2018, a representación da peza de teatro musical “O amor de Afonso Reimúndez”.

De cara ás 23:00 horas está prevista a recreaciónda época constitucional da cidade de Mondoñedo sobre o “Rendemento de Bandeiras ao Rei Alfonso VII” nun acto simbólico en homenaxe aos amigos do Mercado Medieval. 

Xa o sábado 11, os postos de artesanía abriranse ao público ás 11:00 horas; mentres que para as 11:30 horas se agarda o desfile das Compañías desde o Seminarioe a saída da comitiva de autoridades para asistir ao pregón de José Ramón Montenegro (Espina), un dos habituais colaboradores da cita, que se desenvolverá ás 12:00 horas no balcón da antiga Casa Consistorial.

Artesanía Os Muíños realizará demostracións e obradoiros de serigrafía, barro, cantería e monicreques para todos os públicos, pero tamén haberá demostracións doutros artesáns da madeira, coiro, palilleiras, fiandeiras e, mesmo, de acuñación de moeda.

Esta festa non deixa de lado a parte gastronómica. Nese senso, ofrecerase unha degustación gratuíta de liscos, pan, viño e cervexa na Praza da Catedral desde as 12:00 ata as 17:00 horas. Tamén se venderán produtos típicos da terra e non faltarán as xerras conmemorativas.

Esta xornada de sábado encherase de actuacións musicais, demostracións en vivo de oficios artesáns, teatro de rúa, títeres, actividades para os máis pequenos, exhibición de cetrería, de tiro con arco ou representación de combates entre cabaleiros polas rúas do casco histórico que se completarán con obradoiros de adestramento e vestimenta no campamento medieval.

Un dos puntos fortes do Mercado Medieval mindoniense chegará ás 20:00 horas co Gran Torneo Medieval que se desenvolverá no campo de fútbol do Seminario da man de especialistas da Hípica Celta acompañados da música en vivo de Himnodium. Outra das actividades con maior asistencia de público será a cea medieval popular que se desenvolverá na Praza da Catedral a partir das 21:30 horas e que nos últimos anos superou o medio milleiro de comensais. A programación da xornada rematará con música e unha queimada popular.

O domingo 12 continuarán abertos os postos do mercado dende as 11:00 horas e, a partir desa hora,volverán ás rúas os espectáculos de música e animación aos que hai que engadir a representación dunha voda medieval polo rito mozárabe ás 13:30 horas na Fontevella.

Igualmente, pola tarde, continuarán as actividades con ruadas e outros espectáculos de rúa coma a “Captura do Mercenario”, unha nova exhibición de cetrería ou as actividades que se desenvolverán no campamento medieval ou na praza da Catedral que volverá a ser escenario dun Gran Torneo Medieval ás 20:00 horas. Unhaactuación musical na Praza da Catedral, ás 21:00 horas, e o espectáculo “Fire Performans”, ás 22:00 horas, pecharán este vixésimo sétimo Mercado Medieval.

E, coma nas últimas edicións, os máis novos tamén teñen o seu espazo nesta celebración. Así, ademais de manter aberto o campamento medieval o sábado e o domingo, o Goberno local volve apostar polo recuncho infantil con actividades específicaspara nenos e nenas.