A Ocioteca do Concello de Burela oferta 50 prazas para este verán. As actividades darán comezo o 3 de xullo e rematarán o 31 de agosto.

A Concellería de Medio Ambiente pon en marcha a Ocioteca, con actividades de verán dirixidas a nen@s empadroad@s neste municipio e nad@s entre os anos 2014-2005. En total son 50 prazas que se distribuirán en dous grupos de nen@s con idades comprendidas desde os 3 aos 12 anos.

O prazo de inscrición ábrese o vindeiro luns, 19 de xuño, e as fichas de inscrición e demais documentación xustificativa deberán entregarse no Concello a partir das 8:00 horas. O período para anotarse remata o 21 de xuño e quen non teña formalizada e entregada a ficha de nas datas indicadas, non poderá asistir ás actividades, segundo informan desde a Concellería de Medio Ambiente. 

A edil Noelia Mª Ben subliñou que “cada persoa só poderá entregar as fichas de inscrición dos seus fillos e doutra persoa máis (de outro pai ou nai), ao entender que hai xente que traballa e que igual non poden inscribir eles mesmos aos seus fillos nas actividades”.

Será o 26 de xuño cando se faga pública a lista de admitidos no Concello e na súa páxina web.

As actividades da Ocioteca comezarán o 3 de xullo e prolongaranse ata o día 31 de agosto. Levaranse a cabo no CEIP Virxe do Carme (comedor e aula Gaia) de luns a venres entre as 9:00 e as 13:30 horas.

En todas as actividades existe un número máximo de prazas para asegurar o correcto funcionamento dos grupos, e un número mínimo para poder levalas a cabo. Así o grupo de 3 a 7 anos contará con 25 prazas, e o de 8 a 12 anos outras 25.

Desde a Concellería de Medio Ambiente engaden que “a adxudicación de prazas para as Actividades Verán 2017 farase por rigorosa orde de inscrición, sempre que se cumpran os requisitos. Terán prioridade os fill@s con ambos proxenitores activos laboralmente e fill@s de mulleres vítimas de violencia de xénero. En caso de quedar prazas vacantes unha vez iniciadas as actividades, completaranse os grupos seguindo a lista de inscrición. Os nen@s deberán aportar o material necesario para realizar as manualidades (pegamento, cartulinas, plastilina, etc…)”.

Noelia Mª Ben engadiu que “esta Ocioteca está pensada para axudar no verán ás familias a conciliar a vida laboral e familiar”.

Desde o Concello comunican que se están buscando persoas que queiran facer prácticas na Ocioteca durante este verán.