A piscina olímpica de Cervo inaugurará a nova tempada de cursos o 2 de outubro. Haberá clases para bebés, para embarazadas, aquagym e diferentes cursos.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o edil de Deportes, José Ramón Soto, xunto a unha representación do equipo de socorristas da piscina, presentaron as actividades para as que recordan que está aberto o prazo de inscrición “e aquelas persoas interesadas poden, ou ben achegarse ata as instalacións; ou ben chamar ao número de teléfono 982.59.12”.

Villares sinalou que o cadro de persoal da piscina está formado por 6 monitores municipais, que ofrecen asesoramento e imparten os diferentes cursos, por grupos de idade; adultos, nenos e bebés. Ademáis tamén se ofertan clases de natación para mulleres embarazadas.

Dentro de cada grupo, establécense diferentes niveis en función da destreza do alumno dende iniciación a perfeccionamento. Ademais, tamén se ofrecen actividades complementarias como Aguagym ou o servizo de sauna e ximnasio.

A piscina olímpica do Concello de Cervo conta na actualidade cuns 900 socios, tal e como apuntou Soto; e na pasada tempada foron máis de 300 as persoas que asistiron regularmente aos diferentes cursos de natación que se imparten; polo que superamos amplamente a cifra dos 1000 usuarios.

O rexedor tamén apuntou que “a filosofía do Concello de Cervo é promover a práctica deportiva no seu conxunto dende as idades máis temperás; e con ese obxectivo ofrecemos de balde ás ANPAS do noso municipio os diferentes cursos de natación para os pequenos; con convenios especiais tamén con outras ANPAS doutros Concellos da contorna”.

Neste senso, Villares, puxo en valor a eficiencia da prestación deste servizo público, “que cada ano chega a máis xente, e que é mostra do compromiso deste Concello co fomento do deporte e os hábitos de vida saudables”; e convidou, así mesmo, tanto aos socios como aos non socios a que veñan a desfrutar da natación e dos beneficios deste deporte ao noso Concello, “nunha piscina única polas súas características na provincia de Lugo, coa que temos o privilexio de contar en Cervo”.