Presentados na Deputación de Lugo, que impulsa a cultura e o deporte burelés, o Certame de Pintura Mural Amarte e a II Carreira Nocturna Burela Bonita.

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, e o Alcalde de Burela, Alfredo Llano, acompañados do Concelleiro de Cultura de Burela, José Díaz García, e do Concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey,presentaron este mércores no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, a I edición do Certame Internacional de Pintura Mural Amarte e a II Carreira Nocturna Burela Bonita que se celebran durante os meses de xullo e agosto no municipio mariñán.O Goberno da Deputación colabora cun achega económica de16.000 euros para a celebración de actividades culturais e deportivas durante todo o ano no Concello de Burela.

Rivera Capón destacou que “dende o Executivo Provincial colaboramos con esta dúas iniciativas culturais e deportivas co obxectivo, por un lado, de impulsar e promocionar o traballo dos artistas locais da Mariña, e por outro, fomentar hábitos de vida saudables a través do deporte. Ademais, con estas citas que se celebrarán nesta época de verán, potenciamos a economía e o turismo do Concello burelense”. 

Certame de Pintura Amarte
O concurso de murais a nivel internacionalterá lugar os días 4, 5 e 6 de agosto no porto de Burela, coincidindo coa Feira do Bonito.O certame de pintura conta con 10 espazos para realizar murais nos bloques situados no murallón do peirao. A temática dos murais é o mundo do mar. Os artistas serán seleccionados previamente por un xurado profesional que está presidido polo artista Alfonso Otero Regal. Os obxectivos deste evento cultural son recuperar un espazo público e darlle un toque estético e artístico a esta zona do porto, un dos puntos neurálxicos e socioeconómicos máis importante do municipio burelense. Ademais con esta cita cultural, incentívase a actividade artística da zona da Mariña ao tempo que reivindicase ao Concello como lugar de creación. 

O Certame de pintura contará con premios económicos que se distribuirán deste xeito:

- 1º Premio: 2.000 euros.
- 2º Premio: 1.000 euros.
- 3º Premio: 500 euros.

Ademais o Concello de Burela outorgará a cada participante 150 euros e materias para a realización do mural, como pintura, brochas, rodillos ou pinceis.

II Carreira Nocturna Burela Bonita
O Goberno da Deputación tamén colabora coa segunda edición desta cita deportiva urbana que terá lugar o vindeiro 22 de xullo ás 22:30 horas no Concello mariñán. A carreira forma parte do circuíto de verán de carreiras "Tour Mariña Be-OneServiocio 2017" do que tamén forman parte as carreiras: Carreira Popular de Viveiro Adrián Ben, Run Foz Run, Monte de Santa Cruz de Ribadeo.Na anterior edición participaron 180 corredores e este ano espéranse máis de 300.

A carreira popular está dividida en dous percorridos: de 5 quilómetros e de 10 quilómetros. Os interesados en participar poden inscribirse ata o 19 de xullo en www.championchipnorte.com. O prezo é de 7 euros. Os premios serán:
1º Clasificado categoría masculina e feminina: 100 euros e trofeo.
2º Clasificado categoría masculina e feminina: 50 euros e trofeo.
3º Clasificado: trofeo.

O mellor corredor local do Concello burelense obterá un premio de 100 euros.